Skip to main content

A historia da familia Baltar reverdece no Colexio de Fonseca

A exposición disposta no salón artesoado e antiga capela conta con oito capítulos. FOTO: Santi Alvite
A exposición disposta no salón artesoado e antiga capela conta con oito capítulos. FOTO: Santi Alvite
Do 19 de febreiro ao 16 de abril e baixo o lema ‘Medicina e Compromiso’, poderá realizarse un percorrido pola vida do cirurxián Ángel Baltar e dous dos seus fillos, os tamén médicos Antonio e Ramón Baltar Domínguez
Santiago de Compostela

Máis dun século de historia da casa dos Baltar é o eixo sobre o que se asenta a mostra ‘Deber de Baltar. Medicina e Compromiso’ que poderá visitarse no Colexio de Fonseca do 19 de febreiro ao 16 de abril. A obra Un señor elegante do escritor galego Suso de Toro foi o punto de partida para esta exposición que profunda na historia do médico-cirurxián Ángel Baltar e os seus descendentes, os cales “tiveron tempo de protexer de modo efectivo figuras principais da nosa cultura e do noso país, como Rosalía de Castro, Murguía e Castelao, ademais de desenvolver brillantes carreiras profesionais”, escribe Suso de Toro no catálogo da mostra que tamén profunda nas figuras dos médicos Antonio e Ramón Baltar Domínguez.

“Comprendemos que había un interese por parte dun público amplo por coñecer máis aspectos desa historia da familia Baltar que tivera un papel tan significativo na historia da cirurxía e da asistencia social e na promoción e protección da nosa cultura e comprometida co destino e os problemas sociais do seu país e o seu tempo”, explicou o comisario da mostra Pepe Barro. Ademais de Barro, toman parte no acto inaugural que se desenvolve este venres 18, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o reitor Antonio López, o alcalde de Santiago, Xosé Antonio Sánchez Bugallo; e o deputado provincial, Xurxo Couto Rodríguez.

A exposición disposta no salón artesoado e antiga capela conta con oito capítulos: Padrón, a orixe e primeiros personaxes da saga; a biblioteca, verdadeiro emblema familiar; o Sanatorio Baltar; no Hospital Real; Antonio, o exilio; o compromiso cultural; o compromiso político; e Tanxil, o paraíso familiar. Trátase dunha historia ocorrida en pouco máis de cen anos, dende mediados do século XIX ata a morte do doutor Ramón Baltar Domínguez en 1982, “e que floreceu nun pequeno triángulo entre Padrón, Pontecesures, Rianxo e Santiago de Compostela”, escribe Suso de Toro. “Nun ciclo tan longo da vida dunha familia houbo momentos de crecemento e esplendor e momentos dolorosos. Reconstruír estas situacións e dilemas resultou un labor delicado, pois cuestionaba a memoria familiar tal como chegara, unha memoria apagada que explica o case esquecemento no que se encontraba”, continúa o escritor galego no catálogo da mostra.

Promovida polo Concello de Santiago, coa colaboración da USC, a Deputación da Coruña e o Colexio Oficial de Médicos da Coruña,  a exposición poderá ser visitada dende este sábado 19 de febreiro, de luns a venres, de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas.

The contents of this page were updated on 02.18.2022.