Skip to main content

Tres docentes e un investigador da USC participan nun libro dixital gratuíto que busca espertar vocacións científicas entre o alumnado máis novo

Os docentes Elena Vázquez Cendón, Fernando Alcalde Cuesta e Enrique Macías Virgós e o investigador Gustavo Arciniega, todos da USC, participan xunto con outros 97 profesionais da ciencia de toda España no libro gratuíto CIENCIA, y yo quiero ser científico!!! coordinado por Quintín Garrido Garrido .

O volume, que conta coa colaboración da asociación Apadrina laCiencia e outras moitas institucións, busca contribuír a espertar vocacións científicas entre o alumnado de secundaria e bacharelato a través das testemuñas de investigadores e investigadoras de diversas disciplinas.

“Trátase de que coñezan de primeira man as preguntas ás que se enfrontan os científicos e científicas, a súa forma de vida, e tamén a súa motivación e a súa paixón polas distintas especialidades”, explican Federico Mayor Zaragoza e Federico Mayor Menéndez no prólogo.

O libro, que se pode descargar de maneira gratuíta ou ben completo ou por capítulos, recolle as experiencias persoais da profesora Vázquez Cendón como matemática industrial e de Alcalde Cuesta como matemático, que nos seus relatos narran a súa propia experiencia vital e que foi o que os levou a decidir decantarse pola ciencia. Pola súa banda, Macías Virgós explica de maneira moi didáctica os fundamentos da súa disciplina, a topoloxía, de igual xeito que fai o investigador postoutoral Gustavo Arciniega coa física-matemática.

The contents of this page were updated on 04.06.2018.