Skip to main content

A I Carreira Popular Campus Terra da USC cita en Lugo uns 325 participantes

 La I Carrera Popular Campus Terra de la USC cita en Lugo a unos 325 participantes
La I Carrera Popular Campus Terra de la USC cita en Lugo a unos 325 participantes
Os atletas lugueses Carlos Villamor Castiñeira e Ana Belén González Margaride proclamáronse campións absolutos na modalidade masculina e feminina, respectivamente da I Carreira Popular Campus Terra...
Lugo

Os atletas lugueses Carlos Villamor Castiñeira e Ana Belén González Margaride proclamáronse campións absolutos na modalidade masculina e feminina, respectivamente da I Carreira Popular Campus Terra da USC, unha proba organizada polo Servizo de Deportes da USC e incluída no calendario de carreiras universitarias galaico-durienses, que congregou uns 325 participantes na capital luguesa e na que os representantes da USC acadaron a vitoria en todas as categorías universitarias.

 

Carlos Villamor cruzou a liña de meta en primeiro lugar logo de completar os 7.400 metros do trazado da proba nun tempo de 23.44 minutos. Juan Antonio Gude Vila, do Club Monte Pena Rubia, finalizou segundo cun rexistro de 24.33 minutos, seguido de Adrián López Baltar, do Atletismo Friol, quen fixo unha marca de 25.08 minutos. Na categoría feminina, o triunfo da proba recaeu na atleta de A Pontenova Ana Belén González Margaride, que empregou 29.49 minutos en completar o trazado da proba. A rabadense Karina Pasarín Mon, cunha marca persoal de 31.21 minutos foi a segunda atleta en cruzar a liña de meta, seguida de Sonia Vázquez Rodríguez, terceira cun tempo de 32.21 minutos.

 

A USC, ademais de universidade organizadora da I Carreira Popular Campus Terra, acadou tamén un triunfo incontestable nesta terceira proba do calendario de carreiras universitarias galaico durienses, na que toman parte atletas das tres universidades galegas, ademais de corredores das universidades de Porte, Minho e Alto Douro-Tras Os Montes. Daquela, cómpre sinalar que Daniel Pérez Murado, da USC, gañou na categoría masculina Sub-23, tras completar a proba en 25.38 minutos. O tamén atleta da USC Brais López Barro impúxose na categoría máster A cun tempo de 28.57 minutos. Na competición feminina universitaria, Sonia Vázquez Rodríguez, da USC, gañou na categoría Máster A, cun rexistro de 32.21 minutos. A súa compañeira de equipo Noelia Alonso Suárez rematou segunda nesta mesma categoría cunha marca de 34.36 minutos.

 

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, foi o encargado de dar o pistoletazo de saída da I Carreira Popular Campus Terra da USC, unha proba de marcada pegada universitaria, con saída e meta no estadio de atletismo Gregorio Pérez Rivera, e a través da que a USC pretende fomentar os hábitos saudables entre o estudantado, en particular, pero tamén en toda a sociedade en xeral. A dimensión solidaria desta cita, en cuxa organización tamén colaboraron o Concello e a Deputación Provincial de Lugo, así como empresas como Coca-Cola, Grupo Leite Río ou, entre outros, Grupo El Progreso, vén dada pola doazón dun euro de cada inscrición á Fundación Galega contra o Narcotráfico. O xerente desta fundación, Fernando Alonso, agradeceu esta nova colaboración da USC entregándolle unha praca ao vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema.

 

Unha vez rematada a proba e logo de que todos os atletas inscritos cubriran o trazado previsto, o estadio Gregorio Pérez Rivera serviu tamén de escenario para a entrega de trofeos aos gañadores. A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez; o concelleiro de Deportes e Medio Rural do Concello de Lugo, Miguel Fernández Méndez; o deputado provincial Pablo Rivera Capón e representantes da Federación Galega de Atletismo tamén participaron na entrega de agasallos aos gañadores dunha proba, cuxa clasificación completa está accesible na web de Carreiras Galegas.

The contents of this page were updated on 02.25.2022.