Skip to main content

Alumnado da USC reivindica as materias clásicas no ensino secundario no marco da XXII Mostra Teatro Clásico de Lugo

Alumnado da USC cunha pancarta reivindicativa na XXII Mostra de Teatro Clásico de Lugo
Alumnado da USC cunha pancarta reivindicativa na XXII Mostra de Teatro Clásico de Lugo
O alumnado de filoloxías clásicas na USC súmase á SOS Clásicas, que busca facer visibles os saberes clásicos polo seu valor formativo, xa que son claves para desenvolver a capacidade de análise e a reflexión crítica

Un grupo de estudantes que cursan latín e grego na Facultade de Filoloxía da USC reivindican a importancia dos estudos clásicos nos distintos niveis do ensino no marco da XXII Mostra de Teatro Clásico que se está a celebrar no auditorio municipal Gustavo Freire de Lugo, a onde acudiron convidados pola sección galega da Sociedad Española de Estudios Clásicos.

O alumnado da USC presente neste festival de teatro clásico tivo a oportunidade de gozar da interpretación da traxedia de Eurípides ‘Ifixenia en Áulide’, así como da comedia ‘O Persa’, de Plauto. Unha vez rematadas as representacións teatrais, o estudantado da USC subiu ao escenario cunha pancarta na que se podía ler a mensaxe ‘Clásicas sempre en escena, clásicas sempre nas aulas’, a fin de reivindicar a presenza das materias clásicas no ensino secundario, “por formar parte da nosa herdanza cultural e ser o fundamento do nosa esencia europea”.

O alumnado de filoloxías clásicas na USC sumouse así á SOS Clásicas, que busca facer visibles os saberes clásicos polo seu valor formativo, xa que son claves para desenvolver a capacidade de análise e a reflexión crítica, tan necesarias para a formación persoal, e ao mesmo tempo dar a alerta sobre a deriva da educación, que atende máis ao adestramento de técnicos que á formación integral de persoas, subliñan.

The contents of this page were updated on 03.10.2022.