Skip to main content

Resolta a convocatoria 2022 do Acelerador de Transferencia

Os proxectos contan dende o primeiro momento co asesoramento do persoal técnico de AVTE e o financiamento pode chegar ata 40.000 euros por un período de entre tres e nove meses. FOTO: Santi Alvite
Os proxectos contan dende o primeiro momento co asesoramento do persoal técnico de AVTE e o financiamento pode chegar ata 40.000 euros por un período de entre tres e nove meses. FOTO: Santi Alvite
Os proxectos seleccionados abranguen dende a creación de lentes de contacto para frear o progreso da miopía, ata modelos matemáticos que palían a vertixe posicional ou unha ferramenta de visualización 3D para planificar cirurxías hepáticas
Santiago de Compostela

O Acelerador de Transferencia da USC apoiará este ano tres proxectos de investigación que abordan o desenvolvemento pre-clínico dunha lente de contacto medicada, a reconstrución e modelado virtual hepático 3D e o estudo clínico para tratar a vertixe posicional. O Acelerador de Transferencia é unha iniciativa promovida pola Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC, e financiada polo Banco Santander, dirixida a facilitar a transferencia de resultados de investigación xerados polos grupos ao mercado. O comité encargado da avaliación das propostas presentadas estaba integrado por representantes das empresas Galchimia, SunRock BioPharma, MestreLab Research, General Electric Health Care e Zendal.

Lentes de contacto medicadas

Como explica a investigadora principal do proxecto, Carmen Álvarez Lorenzo, a proposta de lente medicada non é “para corrixir a visión de persoas miopes, senón para tratar esta patoloxía de maneira que se free o seu progreso”. O proxecto propón a combinación dunha lente de contacto branda —cun deseño que permita a corrección física da curvatura da córnea— cun tratamento farmacolóxico. Esta nova lente é froito de anos de investigación do grupo I+D en formas de dosificiación e sistemas de liberación de fármacos. A súa principal novidade reside na posibilidade de cargar a lente con medicamento e que este se vaia liberando progresivamente no ollo de xeito que se consiga un maior efecto terapéutico.

Co apoio do Acelerador, o proxecto poderá avanzar nas probas de seguridade da lente cargada nun modelo animal e a biodistribución do medicamento nas estruturas do ollo, así como establecer un protocolo de fabricación industrial e avanzar no proceso regulatorio.

Vertixe posicional

O tratamento máis común da vertixe consiste en manobras que buscan reconducir as otoconias, cristais de carbonato de calcio tamén coñecidos como rochas do oído, ata o vestíbulo deste órgano, expulsándoas do interior dos condutos semicirculares. Pero hai algúns casos, máis do 12%, para os que estas manobras non solucionan o problema debido a variacións individuais na disposición espacial dos condutos semicirculares da persoa doente.

Para eses casos, a tecnoloxía apoiada polo Acelerador de Transferencia, podería adaptar as manobras de reposicionamento atendendo ás especificidades de cada paciente, empregando os modelos matemáticos desenvolvidos a partir de resonancias. Esta metodoloxía para tratar a vertixe é froito dunha colaboración entre o grupo de Física Non Lineal da USC e os Servizos de Otorrinolaringoloxía dos Complexos Hospitalarios de Santiago e de Pontevedra, e está protexida mediante solicitude de patente.

Modelado virtual hepático

Á hora de planear unha cirurxía hepática é fundamental calcular coa maior precisión posible os diferentes escenarios cirúrxicos que se poden atopar os cirurxiáns e saber o volume do fígado residual que quedará finalmente para decidir se o paciente é susceptible deste tipo de intervención ou non.

O obxectivo global do proxecto apoiado polo Acelerador é desenvolver unha ferramenta de visualización 3D para a planificación das cirurxías hepáticas, validada clinicamente, que cumpra as funcións de asistencia ao diagnóstico, planificación e adestramentos,  asistencia no proceso de información ao paciente ou segmentación automática. Este proxecto corre a cargo do grupo de arquitectura de computadores.

Pechar a fenda

O Acelerador de Transferencia diríxese aos grupos de investigación de todas as áreas de coñecemento que teñan identificado algún resultado de investigación con potencial de transferencia. Son susceptibles de recibir o apoio do Acelerador aquelas propostas que identifiquen claramente cal é a fenda existente entre o resultados de investigación e o mercado. Ademais deben garantir un cambio de estado co desenvolvemento do proxecto e ter o compromiso dunha empresa para que, no caso de que os resultados obtidos neste programa sexan exitosos, continúe co proceso de desenvolvemento do produto e/ou comercialización.

Ademais, poden beneficiarse aqueles proxectos que teñan como obxectivo avanzar no proceso de valorización de xeito que se obteña maior madurez na comprensión da súa potencialidade de transferencia. Así apóianse propostas para levar a cabo informes de mercado, asesoramento en materia de regulación, ou follas de ruta para o seu desenvolvemento, entre outras, que poidan facilitar a captación de fondos doutras convocatorias de valorización. Os proxectos contan dende o primeiro momento co asesoramento do persoal técnico de AVTE e o financiamento pode chegar ata 40.000 euros por un período de entre tres e nove meses.

The contents of this page were updated on 03.15.2022.