Skip to main content

Xa dispoñible un novo glosario sobre xestión universitaria

Unha persoa consultando a web do Servizo de Normalización. FOTO: Santi Alvite
Unha persoa consultando a web do Servizo de Normalización. FOTO: Santi Alvite
A obra ‘Termos esenciais de xestión universitaria’ recolle as denominacións en galego, español, inglés e catalán de 650 conceptos de áreas ligadas a procesos de xestión
Lugo, Santiago de Compostela

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da USC amplía o seu catálogo de publicacións de vocabularios especializados co glosario Termos esenciais de xestión universitaria, cuxos contidos están dispoñibles para a consulta puntual a través de bUSCatermos, ao tempo que tamén se poden descargar de balde en formato PDF desde o Servizo de Publicacións da USC.

Esta nova publicación responde a un glosario cuadrilingüe que recolle as denominacións en galego, español, inglés e catalán de 650 conceptos propios de áreas vinculadas co proceso de xestión (trámites administrativos, administración electrónica), coas estruturas que o protagonizan (centros, departamentos, servizos), e co persoal e os órganos que o levan a cabo. Unha xestión que se desprega nas dúas grandes ramas de actividade das universidades: a investigación e a docencia (formación e estudos, doutoramento, avaliación, titulados e títulos), segundo indican desde o propio SNL.

O antecedente da obra Termos esenciais de xestión universitaria, que tamén explica a presenza do catalán entre as linguas de traballo, é a Nomenclatura de gestió universitaria, un glosario elaborado polas universidades da Xarxa Vives d’Universitats e publicado polo Centre de Terminología TERMCAT, entidade lle cedeu a publicación ao Servizo de Normalización Lingüística da USC para completala coas denominacións correspondentes ao galego.

O resultado desa colaboración sae agora á luz co obxectivo de difundir e asentar na comunicación universitaria denominacións de calidade en galego, a lingua propia da USC, e tamén en castelán e inglés, idiomas fundamentais nas comunicacións a nivel estatal e internacional da institución. Esta calidade quere atender tanto ao plano formal (recomendando formas que sexan correctas segundo as normas das diferentes linguas) como ao conceptual (recomendando formas precisas, que eviten a confusión e a ambigüidade). O resultado debería plasmarse nunha documentación administrativa máis clara, máis precisa e máis doada de entender, en calquera das tres linguas, apuntan.

O Servizo de Normalización Lingüística da USC elabora vocabularios e glosarios especializados desde hai preto de 30 anos. A gran maioría deles naceron desde un enfoque sectorial e ocúpanse de áreas de coñecemento correspondentes a titulacións que a USC imparte, como é o caso do dereito, a medicina, as matemáticas, a historia, o sector forestal, a botánica ou a química.

Doutra banda atópanse tamén un menor número de publicacións elaboradas desde unha óptica transversal, que pon o foco en ámbitos que poden interesarlle ao profesorado e ao estudantado de áreas moi diferentes, e tamén aos traballadores da administración e doutros servizos universitarios. Os Termos esenciais de administración electrónica, o Vocabulario panlatino de redes sociais, o Glosario básico de acceso aberto ou o Léxico editorial son mostras desta segunda liña de traballo.

 

The contents of this page were updated on 03.15.2022.