Skip to main content

Máis de 20 proxectos europeos sitúan o CiQUS da USC na vangarda internacional da investigación en química

De esquerda a dereita, María Jesús Tallón Nieto,  Martín Fañanás Mastral,  José Luis Mascareñas, Antonio López, María del Carmen Giménez López, Javier Montenegro, Beatriz Pelaz e Diego Peña Gil. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, María Jesús Tallón Nieto, Martín Fañanás Mastral, José Luis Mascareñas, Antonio López, María del Carmen Giménez López, Javier Montenegro, Beatriz Pelaz e Diego Peña Gil. FOTO: Santi Alvite
Este centro singular da USC, o primeiro do SUG en número de proxectos financiados polo Consello Europeo de Investigación (ERC), cumpre unha década de vida apostando pola formación de alta calidade, a captación de talento, a innovación e a auto-exixencia
Santiago de Compostela

O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) cumpre 10 anos situándose na vangarda da ciencia no ámbito internacional. Para conmemorar o seu décimo Aniversario celebrará o I Simposio  ‘Chemistry  at  the  Frontier’ os días 30, 31 de marzo e 1 de abril, e terá como convidados a recoñecidos líderes mundiais en varios ámbitos da química, incluíndo ao premio Nobel de Química 2021 David MacMillan. O reitor Antonio López amosouse “satisfeito por celebrar os dez anos do centro singular da Universidade, xerme do actual proxecto de Campus de Excelencia Internacional Campus Vida e porta de acceso aos outros dous centros que naquel momento compoñían a Rede (CiMUS e  CiTIUS). Sen dúbida, un atributo que  prestixia o bo facer da USC e sitúaa no mapa mundial da investigación de excelencia”, explicou na rolda de prensa celebrada este venres. 

“A boa saúde da que goza o CiQUS, o que conta con maior número de investigadores ERC do Sistema Universitario de Galicia (SUG), e as boas perspectivas a medio prazo, reafirman a posición de referencia do centro no seu ámbito de coñecemento”, asegurou o reitor. Pola súa parte, o director científico do Centro, José Luis  Mascareñas, resumiu os principais indicadores do CiQUS ao longo da súa primeira década, destacando “o seu rápido crecemento e o cumprimento dos máis altos estándares de calidade globais en formación, captación de talento e competitividade, ao obter once proxectos do ERC, dirixidos por sete investigadores do Centro e financiados pola entidade máis prestixiosa do contexto internacional, o Consello Europeo de Investigación”, subliñou o profesor  Mascareñas. Obxectivos estratéxicos foron tamén a produción científica, cunha media superior aos 100 artigos por ano en revistas de primeira orde como  Science ou  Nature; ou a transferencia tecnolóxica, “clave para facer chegar á sociedade os resultados da investigación fundamental”, en palabras do director quen tamén estivo acompañado na rolda de prensa pola subdirectora xeral de Promoción científica e tecnolóxica universitaria da Xunta de Galicia, María Jesús Tallón Nieto, que definiu o CiQUS como “un nicho de talento”.

Impacto económico e progreso social

As investigacións que levan a cabo no Centro organízanse en tres áreas temáticas: Química Biolóxica e Médica; Materiais Funcionais con Aplicación Tecnolóxica; e Tecnoloxías Sintéticas para un Desenvolvemento Sostible. Lonxe de ser compartimentos estancos, estas áreas interactúan entre si co fin de abordar retos científicos dende unha perspectiva multidisciplinar. Feito que enriquece o traballo colaborativo e favorece sinerxías entre grupos e proxectos. “Facer ciencia de vangarda que impacte na sociedade é parte indisociable da nosa misión. Unido ao importante impacto económico grazas á captación de proxectos europeos de primeiro nivel (ao redor de 14 millóns de euros a través dos  ERCs), a transferencia tecnolóxica que logramos nesta década, con numerosas patentes solicitadas (24), cinco delas xa licenciadas para explotación comercial; a creación de catro empresas (Matprint,  MD.Use,  Sigillum  Knowledge  Solutions e  Celtarys  Research); e contratos de I+D con oito industrias, dá debida conta da nosa incursión directa no progreso económico e social integral”, lembrou  Mascareñas.

Destacan tamén os proxectos internacionais de colaboración obtidos durante esta década. “Un total de 14, que supoñen máis de 4 millóns de euros, con máis de 20 países de todo o mundo son as cifras que nos impulsan a seguir por este camiño”, defende o director científico do Centro da USC. A translación á sociedade do traballo científico reflíctese tamén en avances concretos en campos como o da biomedicina (desenvolvemento de terapias contra a COVID-19 ou descubrimento de encimas artificiais), os novos materiais funcionais (desenvolvemento de novas baterías, dispositivos térmicos e electrónicos, entre outros) ou o desenvolvemento sostible (transformación sostible de materias primas).

Modelo de innovación e catalizador de talento

A principal misión do  CiQUS é desenvolver ciencia na fronteira do coñecemento e proporcionar formación de alto nivel a científicos e profesionais no ámbito da química e a biomedicina. Para iso dotouse dunha estrutura organizativa e de xestión innovadora e un equipo humano multidisciplinar, composto na actualidade por 190 investigadores distribuídos en 18 grupos.

“O crecente prestixio internacional que adquiriu o noso Centro converteuno en polo de atracción de talento procedente de todo o mundo. De feito, o 25% do persoal investigador, hoxe líderes de grupo, uniuse ao  CiQUS a través de programas de captación de talento novo, sen gardar ningunha relación previa con Galicia nin a USC, dato incuestionable que confirma o soporte de excelencia que significa o  CiQUS, tanto en formación, como en recursos técnicos e humanos”, expuxo o director científico. Neste sentido, teñen unha especial significación programas formativos como o  Master  CHEM Bio& Mat, unha titulación pioneira en España dirixido a quen desexa afondar na fronteira entre a química, a bioloxía e os nanomateriais. Ademais, “o modelo de funcionamento do noso Centro inclúe unha avaliación continuada e esixente por parte dunha comisión externa de máximo prestixio da que forman parte, entre outros, o Premio Nobel Jean-Pierre Sauvage, e que nos anima a seguir traballando baixo os máis altos estándares”, concluíu Mascareñas.

O Premio Nobel en Química 2021

Co fin de conmemorar o décimo aniversario, o centro celebrará o primeiro simposio ‘Chemistry  at  the  Frontier’, un encontro científico que permitirá reunir a científicos de primeiro nivel de diferentes países. Destaca a presenza do Premio Nobel de Química 2021, David  MacMillan, da Universidade de  Princeton, na súa primeira visita a Europa dende a concesión do galardón e que tamén participará no programa de divulgación científica da USC ConCiencia. MacMillan é un químico británico-estadounidense que foi galardoado no ano 2021 co premio Nobel, xunto con  Benjamin  List, polo desenvolvemento da  organocatálise asimétrica, unha ferramenta que tivo un gran impacto na fabricación de medicamentos e outros materiais moleculares.

Durante tres días, Santiago de Compostela converterase en foco científico internacional grazas ao simposio que terá lugar durante os días 30 e 31 de marzo, e 1 de abril. Acompañando ao Premio Nobel, destacadas personalidades científicas a nivel global, como  Helma  Wennemers da Universidade de Zúric ou Harry Anderson da Universidade de Oxford, daranse cita no Edificio Fontán da Cidade da Cultura. Os relatores invitados son referentes nas áreas estratéxicas de investigación do  CiQUS e representan a aposta do Centro polo talento novo e o equilibrio de xénero.

Exemplo galego de excelencia global

Nacido en 2011, o CiQUS foi o primeiro dunha rede de centros cun novo modelo de organización e funcionamento, que constituíu o elemento fundamental da estratexia de I+D do proxecto Campus Vida (Campus de Excelencia Internacional) da USC. O  CiQUS conta coa acreditación como Centro de Investigación do Sistema Universitario Galego (SUG) e o apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

The contents of this page were updated on 03.18.2022.