Skip to main content

Argos amplía o seu prazo de inscrición ata o 4 de abril

O programa cuxo prazo de inscrición acaba de ampliarse ata o 4 de abril, está dirixido a alumnado dos últimos anos de licenciatura ou grao. FOTO: Santi Alvite
O programa cuxo prazo de inscrición acaba de ampliarse ata o 4 de abril, está dirixido a alumnado dos últimos anos de licenciatura ou grao. FOTO: Santi Alvite
Esta iniciativa da AVTE acompaña os participantes no proceso de definición dunha idea de negocio baixo o lema ‘Detrás dun gran proxecto hai un gran equipo’
Lugo, Santiago de Compostela

Baixo o lema ‘Detrás dun gran proxecto hai un gran equipo’, a USC acaba de botar a andar unha nova edición de Argos. Ao longo do programa acompáñase os participantes no proceso de definición dunha idea de negocio e avalíase a súa capacidade de chegar a un proxecto empresarial convincente. O programa cuxo prazo de inscrición acaba de ampliarse ata o 4 de abril, está dirixido a alumnado dos últimos anos de licenciatura ou grao, estudantes de posgrado, mestrado ou doutoramento; egresados das ultimas promocións e colaboradores ou persoal integrado en grupos de investigación. 

Argos estrutúrase en tres fases. Por unha banda, están as sesións informativas e de adestramento para o traballo en equipo. Doutro lado, sitúase a constitución dos equipos  interdisciplinarios con catro ou cinco integrantes; e finalmente, baixo a titorización de persoal asignado polo programa ARGOS, os equipos desenvolverán o seu plan de empresa que deberán presentar ante un xurado. Como apoio complementario nesta fase realizaranse outras accións formativas e diferentes visitas a empresas que contribuirán á mellora do plan empresarial.

As tres ideas clave do programa son a complementariedade de perfís persoais e profesionais no equipo que incide na eficiencia e eficacia do traballo e, polo tanto, na posibilidade de obter mellores resultados; que cada equipo sempre conte cunha persoa con coñecementos de xestión empresarial; así como poñer a disposición dos participantes unha carteira de resultados de investigación da USC que poderá ser a base do seu plan de empresa.

Argos é unha iniciativa da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC que conta coa colaboración das Facultades de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago e a de Administración e Dirección de Empresas de Lugo.

Cartel de Argos 2022
Cartel de Argos 2022
The contents of this page were updated on 03.21.2022.