Skip to main content

Aberta a inscrición no CLM da USC para as probas de certificación oficial DELF da Alianza Francesa dos niveis B1 e B2

Cartaz informativo da convocatoria de exames
Cartaz informativo da convocatoria de exames
Os exames de acreditación do nivel B1 de lingua francesa desenvolveranse o 8 de xuño nas sedes do CLM en Lugo e Compostela, mentres que o centro lugués acollerá as probas de certificación do nivel B2 desta lingua estranxeira o 3 de xuño

O Centro de Linguas Modernas (CLM) da USC, que participa como centro examinador da convocatoria do ano 2022 da Alliance Française para probas oficiais DELF (Diploma de Estudos en Lingua Francesa), mantén aberta nas súas sedes de Compostela e Lugo ata o 8 de abril o prazo de inscrición para participar nos exames de acreditación do nivel B1, que se desenvolverán o vindeiro 8 de xuño. Asemade, as persoas interesadas en acadar a certificación oficial DELF para o nivel B2 de francés tamén poderán concorrer ás probas de avaliación que se desenvolverán o 3 de xuño na sede luguesa do CLM, localizada na Facultade de Humanidades.

A Alianza Francesa é a entidade dependente do Ministerio de Educación de Francia que expide o DELF, tal e como se coñece o Diploma de Estudos de en Lingua Francesa, unha certificación oficial harmonizada cos niveis do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas, segundo explica a profesora da sección de francés do Centro de Linguas Modernas da USC Martázul Busto.

Esta docente salienta que o DELF é un diploma internacional con validez permanente que conta co recoñecemento de moitas institucións a nivel internacional. Trátase asemade, dunha certificación requirida por varias universidades da francofonía que están implicadas nos programas de mobilidade Erasmus+.

A condición do CLM da USC como colaborador da Alianza Francesa ten especial relevancia na cidade de Lugo, onde esta entidade dependente do Ministerio de Educación de Francia non conta con entidade propia. Daquela, a sede luguesa do CLM constitúe o único servizo existente na provincia luguesa no que as persoas maiores de 16 anos poden realizar as probas de certificación previas á obtención do Diploma de Estudos en Lingua Francesa para os niveis B1 e B2.

As persoas interesadas en tomar parte na convocatoria de exames para a obtención do DELF programada para o mes de xuño poden formalizar xa a súa inscrición ata o 8 de abril nesta ligazón web da USC. Tamén se pode obter máis información a través do enderezo de correo electrónico clm.delf [at] usc.es (clm[dot]delf[at]usc[dot]es).

The contents of this page were updated on 04.01.2022.