Skip to main content

A última estrea da Aula Teatro da USC, recoñecida no FESTUM de Murcia

Cartel da obra
Cartel da obra
Premio ao mellor espectáculo e á mellor interpretación feminina
Santiago de Compostela

A última estrea da Aula de Teatro da USC ‘A casa da forza  (2, 52-88)’, de Angélica Liddell, acaba de colectar múltiples recoñecementos no seu pase polo Festival Internacional de Teatro Joven (FESTUM) celebrado en Murcia. Concretamente, a compañía universitaria foi recoñecida cos premios ao mellor espectáculo e á mellor interpretación feminina, esta última ex aequo para Antía González Cortegoso e Marta Casais.

Sobre as táboas deste certame teatral, compartiron escena coas escolas superiores de arte dramática de Murcia, Córdoba, Málaga, Sevilla e Valencia; as aulas de Teatro universitaria de Murcia e Ourense; co Dancer Theater Nu-Shamyook University de Corea, Liberal Theater de Xordania e coa Janácek Academy of Performings Arts da República Checa.

No FESTUM sucedéronse as representacións teatrais, talleres, conferencias e outras actividades paralelas co teatro novo como protagonista. O festival buscou conectar coa cidadanía ofrecendo un espazo dinámico e internacional de creación moza, un lugar de encontro para as diferentes culturas e propostas artísticas, así como para a investigación arredor do teatro.

The contents of this page were updated on 04.04.2022.