Bota a andar unha nova edición dos Encontros Virtuais na Zona USC

“Adiante, asómate, pasa, investiga, toca, experimenta, pregunta… somos Zona USC”. Con este chamamento bota a andar este xoves 7 de abril, a terceira edición dos Encontros Virtuais na Zona USC cos que o alumnado de ensino medio poderá coñecer de primeira man e de xeito telemático a oferta docente e de servizos da Universidade a través deste enderezo web.
“Esta iniciativa xurdiu durante a pandemia cando non podiamos acudir aos centros de xeito presencial”, explica Celso Rodríguez, coordinador do Programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC e promotor dunha iniciativa que ao longo dos anos 2020 e 2021 logrou recibir en torno a 37.000 visitas. “Dende o Programa A Ponte impartimos unhas 600 conferencias ao ano por centros de toda Galicia xa que queremos atraer o alumnado de ensino medio ás aulas universitarias”, engade. A COVID-19 supuxo un freo no desenvolvemento deste programa e obrigou a redefinir o modo no que informar e orientar ao futuro alumnado universitario para que puidese elixir os estudos que máis se adaptasen ás súas preferencias.
A través da web dos Encontros Virtuais na Zona USC e ata o vindeiro 13 de abril, o alumnado interesado pode premer nas ligazóns que conduzan a aquelas titulacións que sexan do seu interese. Unha vez dentro, accede a un programa de videoconferencias que lle permitirá conectarse en liña para coñecer en directo todos os detalles da titulación e preguntar as dúbidas que desexe. “Boa parte dos Encontros desenvólvense en Semana Santa, cando o alumando non ten clase”, destaca Celso Rodríguez xa que este feito tamén permite que poidan navegar con máis calma pola web, reflexionar sobre as múltiples opcións académicas que se lles ofertan e trasladar todas as cuestións que se lles ocorran. Ademais, na actualidade, estes Encontros Virtuais son concibidos como un “complemento aos presenciais que se desenvolven nos campus de Santiago e de Lugo”. En concreto, neste curso 2.200 alumnos e alumnas visitaron Compostela e 1.140, Lugo, no marco desta iniciativa.
A páxina web dos Encontros constitúe un repositorio con material diverso e multimedia sobre a USC. Deste xeito, o estudantado que navegue pola mesma, poderá interactuar por videconferencia con responsables de cada titulación, ver vídeos ilustrativos sobre cada grao pero tamén sobre a vida universitaria, coñecer polo miúdo o proceso para acceder á Universidade ou afondar na súa oferta cultural, deportiva ou de Residencias, entre outros múltiples aspectos.