Skip to main content

A USC, destacada en catorce disciplinas do QS World University Ranking por materias

O Ránking QS por materias analiza a reputación académica de cada eido. FOTO: Santi Alvite
O Ránking QS por materias analiza a reputación académica de cada eido. FOTO: Santi Alvite
A institución sobresae nas áreas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias da Vida e Medicina, e Ciencias Naturais
Lugo, Santiago de Compostela

Artes e Humanidades, Ciencias da Vida e Medicina, así como Ciencias Naturais son as tres áreas de coñecemento nas que a USC destaca segundo o QS World University Ranking by Subject 2022. Nesta clasificación por materias, a Universidade ocupa chanzos sobranceiros nun total de catorce disciplinas distribuídas polas diferentes áreas.

En concreto, en Ciencias da Vida e Medicina, a USC sitúase na posición 379, fronte ao intervalo 451-500 do ano pasado. De xeito específico, nesta última área de coñecemento, a institución resalta en catro disciplinas: Farmacia e Farmacoloxía (201-250), Agricultura e Forestais (251-300), Medicina (351-400) e Bioloxía (351-400). Na área global de Artes e Humanidades, a USC está situada no posto 374, destacando nun total de tres subáreas, como son Lingua e Literatura Inglesa (201-250), Linguas Modernas (251-300) e Lingüística (301-310).

Xa no ámbito da Enxeñaría e a Tecnoloxía, a USC sobresae no eido da Enxeñaría Química no intervalo 201-250. O posto 344 é o que ocupa a institución compostelá no eido relativo ás Ciencias Naturais. Neste campo, a Universidade destaca nas subáreas de Física e Astronomía (301-350), así como en  Química, Ciencias medioambientais e Matemáticas (351-400). No capítulo destinado ás Ciencias Sociais e Xurídicas, Dereito no intervalo 301-340 e Economía e Econometría no chanzo 451-500 son tamén posicións salientables para a USC.

Indicadores

O Ránking QS por materias analiza a reputación académica de cada eido, a súa empregabilidade; o número de citas por artigo, extraendo a información da base de datos de referencias bibliográficas e citas Scopus nun período de cinco anos; así como o índice H, en tanto xeito de medir a produtividade e impacto do traballo publicado por cada científico.

The contents of this page were updated on 04.06.2022.