Skip to main content

Un libro reivindica a tradución como ferramenta de difusión cultural e de promoción no exterior

Portada do libro
Portada do libro
Investigadoras da USC e da UVigo editan esta obra que conta coa colaboración de especialistas de recoñecido prestixio de diferentes partes do mundo
Santiago de Compostela

A crecente internacionalización dos mercados implica o desenvolvemento de novos mecanismos de promoción dos bens culturais. Os cambios adoptados nas feiras Internacionais do libro son un reflexo de como se modifican no tempo e no espazo os diferentes elementos que conforman o circuíto editorial.  Estas son algunhas das reflexións que atoparán as lectoras e lectores no libro Promoción cultural y Traducción. Ferias internacionales del libro e invitados de honor, editado polas profesoras Carmen Villarino da USC e Iolanda Galanes e Ana Luna, da UVigo. A obra preséntase este xoves nun acto virtual que conta coa participación das tres editoras, ademais de con algunhas das persoas que colaboraron nesta monografía, entre elas, o antropólogo arxentino Gustavo Sorá ou a investigadora galega Olga Castro, docente da University of Warwick, en Inglaterra.

“O libro remite á importancia da tradución como ferramenta de difusión cultural e de promoción no exterior. Fai fincapé, ademais, na necesidade dunha acción institucional pública e privada de planificación”, explican as editoras, ao que engaden que esa planificación a medio e longo prazo é crucial para aproveitar mellor a oportunidade que ofrecen as feiras internacionais do libro e a condición de invitado de honra. 

Oportunidades

Cales son as estratexias dunha cultura invitada a unha feira para darse a coñecer? Existe unha fórmula ideal que teña en conta a diversidade? Que se debe seleccionar e como mostralo? Que volume de capitais están en xogo? Estas son algunhas das preguntas ás que se lles quixo dar resposta na monografía, un traballo coordinado polas tres editoras, pero no que tamén participaron un conxunto de investigadoras e investigadores especialistas en Tradución, Economía, Socioloxía ou Análise da literatura e da cultura e sobre as que se establece un amplo debate dialóxico na súa presentación.

Con información das cinco principais feiras internacionais, “as editoriais teñen neste proxecto a mostra dun panorama internacional da edición no que conviven os grandes grupos xunto a iniciativas de menor tamaño”, explican, alén de considerar que a acción duns e outros é imprescindible para o ecosistema editorial e a bibliodiversidade. “Os protagonistas do mundo da creación (escritores/as ou ilustradores/as, entre outros), así como profesionais da tradución e scouts conviven por uns días con todos os participantes da cadea do libro e teñen a oportunidade de amosar e amosarse ante un público xeral e especializado”, indican. “O noso libro visibiliza a incidencia das FIL na súa traxectoria profesional ao tempo que presenta estratexias exitosas de promoción”, recalcan.

Ademais de  Gustavo Sorá, de Conicet, o principal organismo dedicado á promoción da ciencia e a tecnoloxía en Arxentina, e Olga Castro, cóntase tamén no acto coa participación de Delia Guijarro, da Universidade Paris Nanterre; María Fernández Moya, da universidade privada madrileña CUNEF; José Muniz Jr., da brasileira Minas Gerais, e Márlio Barcellos Pereira da Silva, da USC.

Son parte do cadro de especialistas que participaron na redacción desta monografía, pero non os únicos. Ademais deles, o libro contou tamén coa colaboración de Marco Thomas Bosshard, da Universität Flensburg, en Alemaña; Áurea Fernández, da UVigo; o galego Fran Núñez , actual director do Centro Dramático Galego; Francisco Sanjiao, da USC; a socióloga francesa Gisèle Sapiro, da Universidade de Tel Aviv e Franciele Queiroz da Silva, Universidade Federal de Uberlândia, no Brasil.

Frankfurt 2022

A publicación desta obra supón a culminación do proxecto de investigación ‘Nuevas estrategias de promoción cultural y Traducción. Ferias internacionales del libro e invitados de honor’, un traballo centrado no estudo e análise de novas estratexias de promoción cultural a través das feiras internacionais do libro e, máis especificamente, na condición de invitado de honra. “As feiras do libro (FIL) teñen unha longa tradición pero o interese académico por elas circunscríbese aos últimos trinta anos”, explican. Nese marco, a figura do convidado de honra en FIL estivo pouco tratada, o que, a xuízo das editoras, resulta paradoxal en relación coa súa importancia como estratexia central de promoción cultural. “Que España sexa convidada de honra na FIL de Fránkfurt 2022, isto é 30 anos despois de selo en Frankfurt 1991,  espertou interese académico pola cuestión. O propio goberno implementou unha serie accións baixo a iniciativa SpainFrankfurt2022 de moita intensidade e que merecen unha reflexión desde a perspectiva da Socioloxía da literatura e da Tradución, da Economía da Cultura e da Etnografía”, recalcan.

The contents of this page were updated on 04.07.2022.