Skip to main content

Ciclo de concertos 'Os sons da pedra'

Concerto de Malandança

04.28.2022 | 20.30h

Paraninfo
Santiago de Compostela

A vicerreitoría de Estudantes e Cultura, promove este ciclo de cinco concertos co patrocinio da Deputación da Coruña e a colaboración do Grupo Organistrum da USC.

Cartel do concerto
Cartel do concerto

Do 28 de abril ao 24 de maio, o ciclo Os sons da pedra. O ronsel do Mestre Mateo ofrece 5 concertos que teñen como fío condutor a reconstrución dos instrumentos que o Mestre Mateo esculpiu no Pórtico da Gloria e as derivacións de xéneros e xeográficas que nos deixou o seu ronsel. 

O primeiro deles, por conta do grupo Malandança, terá lugar o xoves, 28 de abril, ás 20.30 horas no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia. Baixo o título Unha noite na corte do Rei Alfonso, a formación dirixida por Francisco Luengo ofrece un repertorio da corte de Alfonso X con algunhas das cantigas de Santa María. Malandança está integrado por  vocalistas e instrumentistas de prestixio, como Esperanza Mara (voz), Manuel Vilas (arpa medieval), César Arias ( cítola, laúde e organistrum), Xurxo Lois Varela (viola) e Francisco Luengo (violón, organistrum e dirección). Moitos dos seus instrumentos foron construídos nos talleres de César Arias e do propio Luengo, e empregados en numerosas gravacións do grupo. 

 

A entrada é libre ata completar a capacidade da sala. 

Os sons da pedra: simposio e exposición

Este ciclo de concertos vai da man dun simposio homónimo que reunirá en Compostela a numerosos artesáns e luthieres que participaron no proxecto de reconstrución dos instrumentos do Pórtico desenvolvido a partir de 1989 baixo a dirección de José López Calo e Carlos Villanueva.  Co mecenado da Fundación Barrié, esta iniciativa de recuperación do patrimonio cultural permitiu a construción de 19 réplicas instrumentais que puideron escoitarse no Pórtico da Gloria. Posteriormente, a iniciativa estendeuse á reprodución de instrumentos do Pazo de Xelmírez de Lugo e da catedral de Ourense. 

O simposio e o ciclo de concertos compleméntanse cunha exposición que, baixo o mesmo título, Os sons da pedra, poderá visitarse do 29 de abril ao 28 de maio no Salón do Artesonado do Pazo de Fonseca. 

The contents of this page were updated on 04.22.2022.