A vicerreitoría de Estudantes e Cultura, promove este ciclo de cinco concertos co patrocinio da Deputación da Coruña e a colaboración do Grupo Organistrum da USC.

Do 28 de abril ao 24 de maio, o ciclo Os sons da pedra. O ronsel do Mestre Mateo ofrece 5 concertos que teñen como fío condutor a reconstrución dos instrumentos que o Mestre Mateo esculpiu no Pórtico da Gloria e as derivacións de xéneros e xeográficas que nos deixou o seu ronsel.
O primeiro deles, por conta do grupo Malandança, terá lugar o xoves, 28 de abril, ás 20.30 horas no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia. Baixo o título Unha noite na corte do Rei Alfonso, a formación dirixida por Francisco Luengo ofrece un repertorio da corte de Alfonso X con algunhas das cantigas de Santa María. Malandança está integrado por vocalistas e instrumentistas de prestixio, como Esperanza Mara (voz), Manuel Vilas (arpa medieval), César Arias ( cítola, laúde e organistrum), Xurxo Lois Varela (viola) e Francisco Luengo (violón, organistrum e dirección). Moitos dos seus instrumentos foron construídos nos talleres de César Arias e do propio Luengo, e empregados en numerosas gravacións do grupo.
A entrada é libre ata completar a capacidade da sala.
Os sons da pedra: simposio e exposición
Este ciclo de concertos vai da man dun simposio homónimo que reunirá en Compostela a numerosos artesáns e luthieres que participaron no proxecto de reconstrución dos instrumentos do Pórtico desenvolvido a partir de 1989 baixo a dirección de José López Calo e Carlos Villanueva. Co mecenado da Fundación Barrié, esta iniciativa de recuperación do patrimonio cultural permitiu a construción de 19 réplicas instrumentais que puideron escoitarse no Pórtico da Gloria. Posteriormente, a iniciativa estendeuse á reprodución de instrumentos do Pazo de Xelmírez de Lugo e da catedral de Ourense.
O simposio e o ciclo de concertos compleméntanse cunha exposición que, baixo o mesmo título, Os sons da pedra, poderá visitarse do 29 de abril ao 28 de maio no Salón do Artesonado do Pazo de Fonseca.