Skip to main content

USC e Concello das Pontes traballarán conxuntamente en actividades científicas, pedagóxicas ou de investigación

O reitor e o alcalde das Pontes asinaron o acordo. FOTO: Santi Alvite
O reitor e o alcalde das Pontes asinaron o acordo. FOTO: Santi Alvite
O protocolo asinado polo reitor Antonio López e o alcalde Valentín González Formoso terá unha vixencia de catro anos
Santiago de Compostela

O protocolo que acaban de asinar USC e Concello das Pontes de García Rodríguez servirá de marco para que estas dúas institucións colaboren en actividades científicas, pedagóxicas, ou de investigación, entre outras, ao longo dos vindeiros catro anos. O reitor Antonio López e o alcalde Valentín González Formoso formalizaron este acordo nun acto que se desenvolveu no Colexio de San Xerome. O documento contempla diversas modalidades de colaboración como a execución de proxectos e programas de investigación e desenvolvemento, a realizar entre os diferentes institutos e/ou centros da USC e este concello coruñés.

A cooperación en programas de formación de persoal investigador e técnico ou o asesoramento mutuo en cuestións relacionadas coa actividade das dúas entidades son outros dos eidos de actuación que establece o documento. Ademais, USC e Concello das Pontes poderán traballar de xeito conxunto na organización e execución de actividades comúns relacionadas coa promoción social da investigación, a docencia e o desenvolvemento tecnolóxico. As distintas colaboracións derivadas do protocolo deberán formalizarse a través de convenios específicos. No marco deste acordo, tanto a USC como o Concello das Pontes poderán autorizar o seu persoal a realizar estancias na outra entidade.

Axenda 2030

O acordo que acaba de formalizarse susténtase nos principios da Axenda 2030 de Nacións Unidas que ten entre os seus fins promover o desenvolvemento mobilizando os medios oportunos para a implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). En concreto, o protocolo asinado abrangue os ODS 4 (Educación de calidade), 9 (Industria, innovación e infraestruturas) e 17 (Alianzas para lograr os obxectivos).

De esquerda a dereita, a concelleira Elena López, o reitor Antonio López, o alcalde Valentín González Formoso e a concelleira Lorena Tenreiro. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, a concelleira Elena López, o reitor Antonio López, o alcalde Valentín González Formoso e a concelleira Lorena Tenreiro. FOTO: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 04.21.2022.