A vicerreitoría de Estudantes e Cultura, promove este ciclo de cinco concertos co patrocinio da Deputación da Coruña e a colaboración do Grupo Organistrum da USC.

Do 28 de abril ao 24 de maio, o ciclo Os sons da pedra. O ronsel do Mestre Mateo ofrece 5 concertos que teñen como fío condutor a reconstrución dos instrumentos que o Mestre Mateo esculpiu no Pórtico da Gloria e as derivacións de xéneros e xeográficas que nos deixou o seu ronsel.
O martes día 10 de maio, Rosa Sánchez e Pablo Carpintero presentarán o programa Os instrumentos musicais medievais na tradición do noroeste, unha sucesión de obras con gran diversidade tímbrica na que se poderán escoitar instrumentos musicais infantís como zoadeiras, fungos, tobas e asubíos, presentes en Galicia dende o Paleolítico, canda instrumentos de percusión como herreñas membráfonos ou pandeiros alén de diversas frautas e instrumentos de percusión presentes nas Cantigas de Alfonso X. A riqueza sonora da proposta complétase con diversos tipos de gaita e instrumentos cordófonos en combinacións instrumentais ou cantadas.
O concerto arrincará ás 20.30 horas no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia da USC.
Os sons da pedra: simposio e exposición
Este ciclo de concertos vai da man dun simposio homónimo que reunirá en Compostela a numerosos artesáns e luthieres que participaron no proxecto de reconstrución dos instrumentos do Pórtico desenvolvido a partir de 1989 baixo a dirección de José López Calo e Carlos Villanueva. Co mecenado da Fundación Barrié, esta iniciativa de recuperación do patrimonio cultural permitiu a construción de 19 réplicas instrumentais que puideron escoitarse no Pórtico da Gloria. Posteriormente, a iniciativa estendeuse á reprodución de instrumentos do Pazo de Xelmírez de Lugo e da catedral de Ourense.
O simposio e o ciclo de concertos compleméntanse cunha exposición que, baixo o mesmo título, Os sons da pedra, poderá visitarse do 29 de abril ao 28 de maio no Salón do Artesonado do Pazo de Fonseca.