Pasar al contenido principal

Ciclo de concertos 'Os sons da pedra'

Concerto de Rosa Sánchez e Pablo Carpintero

10.05.2022 | 20.30h

Paraninfo
Santiago de Compostela

A vicerreitoría de Estudantes e Cultura, promove este ciclo de cinco concertos co patrocinio da Deputación da Coruña e a colaboración do Grupo Organistrum da USC.

Pablo Carpintero e Rosa Sánchez participan no ciclo 'Os sons da pedra'
Pablo Carpintero e Rosa Sánchez participan no ciclo 'Os sons da pedra'

Do 28 de abril ao 24 de maio, o ciclo Os sons da pedra. O ronsel do Mestre Mateo ofrece 5 concertos que teñen como fío condutor a reconstrución dos instrumentos que o Mestre Mateo esculpiu no Pórtico da Gloria e as derivacións de xéneros e xeográficas que nos deixou o seu ronsel. 

O martes día 10 de maio, Rosa Sánchez e Pablo Carpintero presentarán o programa Os instrumentos musicais medievais na tradición do noroeste, unha sucesión de obras con gran diversidade tímbrica na que se poderán escoitar instrumentos musicais infantís como zoadeiras, fungos, tobas e asubíos, presentes en Galicia dende o Paleolítico, canda instrumentos de percusión como herreñas membráfonos ou pandeiros alén de diversas frautas e instrumentos de percusión presentes nas Cantigas de Alfonso X. A riqueza sonora da proposta complétase con diversos tipos de gaita e instrumentos cordófonos en combinacións instrumentais ou cantadas. 

O concerto arrincará ás 20.30 horas no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia da USC.

Os sons da pedra: simposio e exposición

Este ciclo de concertos vai da man dun simposio homónimo que reunirá en Compostela a numerosos artesáns e luthieres que participaron no proxecto de reconstrución dos instrumentos do Pórtico desenvolvido a partir de 1989 baixo a dirección de José López Calo e Carlos Villanueva.  Co mecenado da Fundación Barrié, esta iniciativa de recuperación do patrimonio cultural permitiu a construción de 19 réplicas instrumentais que puideron escoitarse no Pórtico da Gloria. Posteriormente, a iniciativa estendeuse á reprodución de instrumentos do Pazo de Xelmírez de Lugo e da catedral de Ourense. 

O simposio e o ciclo de concertos compleméntanse cunha exposición que, baixo o mesmo título, Os sons da pedra, poderá visitarse do 29 de abril ao 28 de maio no Salón do Artesonado do Pazo de Fonseca. 

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.05.2022.