Skip to main content

Máis de 300 investigadores dunha trintena de países daranse cita no foro sobre Física de Partículas DIS2022

Detalle do cartel do evento
Detalle do cartel do evento
O IGFAE organiza este evento que se desenvolverá do 2 ao 6 de maio e que chega á súa vixésimo novena edición
Santiago de Compostela

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, impulsa do 2 ao 6 de maio o foro 'DIS2022: XXIX International Workshop on Deep-Inelastic Scattering and Related Subjects'. Máis de 300 persoas de 31 países que traballan no eido da física de altas enerxías, daranse cita neste evento de traxectoria consolidada en diferentes países e que chega este ano á súa edición número 29, só interrompida en 2020 por mor da pandemia. “A diversidade de temas, presentacións e asistentes, converteu esta reunión nunha das máis importantes do campo”, apuntan dende a organización do evento.

Dividido en sete sesións plenarias e seis sesións temáticas paralelas, unha parte importante do programa está dedicada aos últimos resultados dos maiores experimentos e aceleradores de partículas do mundo como os localizados no Brookhaven National Laboratory (BNL), a Organización Europea para la Investigación Nuclear (CERN), o sincrotrón alemán DESY, o Fermi National Accelerator Laboratory (FNAL), o Thomas Jefferson National Accelerator Facility (JLab) e o laboratorio xaponés KEK, así como ás achegas teóricas máis recentes.

Como é tradición, entregarase o premio ‘Guido Altarelli’ –un dos pais fundadores da Cromodinámica Cuántica, divulgador e promotor das novas xeracións científicas– que se outorga a investigadores ou investigadoras noveis que fixesen contribucións teóricas ou experimentais destacadas nos temas tratados no DIS.

The contents of this page were updated on 04.28.2022.