O CISPAC incorporará máis de 80 investigadores e investigadoras

O Centro de Investigación Interuniversitaria de Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC) acaba de aprobar a incorporación de persoal investigador ao seu cadro. Así, ao abeiro deste proxecto interuniversitario galego acaban de sumar máis de 80 novos investigadores e investigadoras para traballar sobre a paisaxe galega dende o punto de vista da arqueoloxía, o turismo, a demografía, a historia, a xeografía ou a economía. O proxecto baséase nun enfoque transdisciplinar que permitirá desenvolver un total de 18 liñas e áreas de investigación.
A medida foi abordara no transcurso dunha xuntanza celebrada no edificio Fontán, sede central do centro, na que participaron o consello reitor e representantes das tres universidades galegas. No encontro interviñeron o reitor Antonio López; o director científico do CISPAC, o catedrático de Historia Contemporánea da USC Lourenzo Fernández Prieto; a directora adxunta, a catedrática de Socioloxía da UdC Laura Oso Casas; o secretario do centro, o catedrático de Economía Aplicada da Uvigo Xavier Simón Fernández; o xerente da USC, Javier Ferreira Fernández; e dous representantes da UdC e da Uvigo que interviñeron de xeito telemático.
CISPAC
O CISPAC é resultado dun achegamento entre grupos de investigación de distintas disciplinas das Ciencias Sociais e as Humanidades á procura de entender e dar resposta a retos sociais que abarcan a posta en valor do patrimonio, a recuperación da memoria histórica e social, as políticas de inclusión, o entendemento dos cambios no territorio nas súas dimensións económicas e sociais, as súas formas de goberno ou a elaboración de solucións en co-desenvolvemento coa comunidade. A partir da consideración do territorio como espazo habitado, produtivo, visitado, gobernado e en transformación, o CISPAC encamíñase cara á xeración de coñecemento científico de excelencia a través da conformación dunha masa crítica de investigadoras e investigadores experta nas diferentes dimensións da paisaxe e dunha axenda científica especializada dirixida á consecución dos retos da sociedade.
Como centro interuniversitario, o CISPAC depende dos Consellos de Goberno das tres universidades e rexerase por un regulamento interno asinado polos seus representantes. A súa estrutura conta cun órgano de goberno, o Consello reitor, que será presidido de forma rotativa polas Reitorías das tres universidades. Dispón ademais de tres órganos executivos, a Dirección Científica, a Dirección Adxunta e o Comité Científico; e de dous órganos consultivos, o Consello Asesor Científico Externo e o Consello de Transferencia.