O Consello de Goberno aproba a planificación do cadro de persoal docente para o vindeiro curso

O Consello de Goberno da USC aprobou este martes a planificación en materia de persoal docente e investigador (PDI) para o vindeiro curso académico 2018-2019, definida de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias da Universidade de Santiago no período de vixencia do Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego.
O acordo adoptado inclúe 15 prazas para a estabilización como contratado doutor de profesorado interino e persoal investigador do programa Ramón y Cajal, outras tantas para a promoción ao corpo de profesorado titular (funcionario) e 15 tamén para a promoción interna ao corpo de catedrático de Universidade. A planificación para o vindeiro curso tamén trata as posibilidades de mobilidade intercampus, licenzas por ano sabático e a integración en corpos docentes superiores.
A estas habería que sumar outras catro de profesorado titular de universidade con praza asistencial vinculada, en virtude do convenio asinado entre a USC e a Consellaría de Sanidade para o financiamento e dotación de prazas de PDI naquelas áreas ou servizos que, na actualidade, carecen destes recursos por mor das xubilacións producidas dende 2010.
Polo que respecta ao persoal con vinculación temporal, o acordo afecta a un total de 501 prazas entre prórrogas anuais e reposición de vacantes de profesorado asociado, PACS e profesorado lector ou creación de prazas de profesorado axudante doutor, así como asociados e asociados de Ciencias da Saúde, entre outras.
Plan purianual Esta programación enmárcase no plan plurianual da Vicerreitoría de Organización Académica e Persoal Docente e Investigador para o período 2016-2020, un documento que regulou por vez primeira a xestión dos recursos humanos para docencia e investigación na USC en perspectiva plurianual e de xeito coordinado coas posibilidades orzamentarias.