O profesor Santiago Fernández Mosquera asina esta exposición fotográfica que retrata a vida cotiá en Bangladesh

Inscrita no programa de exposicións artísticas temporais da Facultade de Filoloxía, a exposición 'Dez anos en Daca', pretende ofrecer unha mostra concreta de Bangladesh a través das súas xentes, dalgúns oficios e de paisaxes afastadas da cidade. En xeral, un retrato dun gran país rebosante de vida.
A exhibición fotográfica é froito das viaxes que tivo a oportunidade de levar a cabo Santiago Fernández Mosquera, profesor da Facultade de Filoloxía e fotógrafo afeccionado.
No mesmo contexto artístico, realizou varias exposicións con anterioridade: 'As terras escondidas. The hidden lands' en Arunachal Pradesh (India) e 'Swagatam'. A que agora se abre ao público na Facultade, estivo exposta inicialmente no Colexio de Fonseca, de xuño a setembro de 2021, grazas ao patrocinio da Cátedra Inditex.
A mostra inaugurarase o día 2 de xuño ás 12.00 e poderase visitar no primeiro e segundo andar da facultade en dúas etapas: a primeira entre o 2 de xuño e o 30 de xullo e a segunda entre o 1 e o 22 de setembro.