Skip to main content

Volven os cursos de verán do Centro de Linguas Modernas

O Centro de Linguas Modernas retoma súa programación estival. FOTO: Santi Alvite
O Centro de Linguas Modernas retoma súa programación estival. FOTO: Santi Alvite
A oferta formativa deste ano inclúe actividades en francés, inglés, catalán e checo e o seu prazo de inscrición ábrese o 2 de xuño

O Centro de Linguas Modernas (CLM) da USC continúa en 2022 a programación docente para os meses de xuño e xullo cun catálogo de cursos que inclúe iniciación ao catalán para estudantes de programas de mobilidade, sesións de conversa en inglés para os niveis avanzado e intermedio, un seminario de checo no contexto universitario, e un curso de expresión escrita e oral en francés cara á preparación do Diploma en Estudos Avanzados en Lingua Francesa (DELF). 

Estes cursos e seminarios diríxense tanto ao alumnado, PAS e PDI da USC como ás persoas externas á Universidade a partir dos 16 anos, especialmente estudantes de bacharelato, profesionais de diferentes ámbitos e todas as persoas con interese en ampliar a súa formación en linguas estranxeiras ou cooficiais en España.

Matrícula e inscrición nos test de nivel

A preinscrición e a matrícula nos cursos farase a partir do 2 de xuño a través da Secretaría virtual da USC. Ás persoas alleas á USC poden acceder á matrícula directamente dende a páxina web do CLM. Só se levarán a termo aquelas actividades que conten cun mínimo de 8 persoas, ou de dúas se se trata de clases de conversa.

Co obxectivo de que o alumnado de cada actividade teña un nivel homoxéneo, os cursos que non sexan de iniciación esixirán acreditar coñecemento da lingua a través do test de nivel do CLM o dalgúns dos certificados oficiais.

Haberá prezos reducidos para integrantes da comunidade universitaria, estudantes de calquera outra universidade, alumnado de bacharelato e formación profesional, pensionistas e persoas desempregadas, e integrantes da Asociación Alumni USC e de ATENEO.

Contidos

Máis que contidos gramaticais, esta programación docente pretende ofrecer técnicas e oportunidades prácticas para a consecución de destrezas orais e escritas e para o desenvolvemento de estratexias de comunicación, alén doutros contidos específicos que sirvan de preparación para exames oficiais e que resulten útiles nas estadías profesionais e privadas no estranxeiro. Ademais, os cursos achegarán coñecementos relacionados coa cultura e civilización dos países de fala.

The contents of this page were updated on 06.02.2022.