O Libro de horas incorpórase á mostra ‘Santiago de Compostela no tempo’

O Libro de horas de Fernando I, datado en 1055, saíu por primeira vez, en máis de 20 anos, da Biblioteca Xeral da USC para formar parte da mostra ‘Santiago de Compostela no tempo’, que botou a andar este venres. O reitor Antonio López participou tanto no acto inaugural, como na recepción previa do Libro, unha das pezas máis valiosas do patrimonio bibliográfico galego e que se conservaba nunha cámara acoirazada para garantir a súa seguridade. Xunto ao reitor, recibiu a obra o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez. Segundo os especialistas, trátase do libro máis antigo que se conserva en Galicia, anterior ao Códice Calixtino.
A directora da Biblioteca Universitaria, María Isabel Casal, e o comisario da exposición, Manuel Gago, explicaron que a última vez que se puido contemplar foi nunha exposición organizada polas bibliotecas universitarias españolas no ano 2000 e no propio recinto do Colexio de Fonseca.
Agasallo da raíña Sancha
O Libro de horas de Fernando I foi un encargo da raíña Sancha a modo de agasallo para o seu marido, Fernando I de Castela, no marco dunha estratexia de lexitimación dos seus dereitos, cuestionados pola aristocracia. O manuscrito contén textos litúrxicos, musicais e unha rica iluminación, destacando unha escena onde a raíña ordena ao escriba a entrega do libro ao seu consorte. Segundo apunta Manuel Gago, é un dos primeiros testemuños da linguaxe formal románica e da espiritualidade medieval privada.
Santiago de Compostela no tempo
'Santiago de Compostela no tempo' é a primeira das sete mostras dun amplo proxecto expositivo, Cidades no tempo, que afondará na cultura e identidade de cada unha das sete principais urbes galegas. Este venres inaugurouse a exposición na sede de Afundación, na rúa do Vilar, onde poderá ser visitada ata setembro, permitindo facer un percorrido pola cidade a través de documentos históricos, fotografías, ilustracións e obxectos de alta cultura e gran valor que acompañarán ao Libro de horas de Fernando I.