Bota a andar a IV edición dos premios INNOVATIA 8.3 para empresas lideradas por mulleres

A IV edición do concurso INNOVATIA 8.3, premios ás empresas creadas co apoio das universidades ou organismos públicos de investigación (OPIs) e lideradas por mulleres, abre o seu prazo de presentación de candidaturas ata o vindeiro 5 de setembro. O concurso ten como obxectivo distinguir proxectos de emprendedoras con carácter innovador, ademais de promover a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no ámbito universitario e tecnolóxico.
Os premios concederanse por proxectos empresariais, independentemente do número de persoas participantes nos mesmos. Así, outórgase un premio ao mellor proxecto empresarial de base tecnolóxica, dotado con 10.000 euros; e un premio ao mellor proxecto empresarial startup, que conta con 7.000 euros. As candidaturas deberán presentarse a través deste formulario de inscrición.
Neste certame impulsado pola USC e o Instituto das Mulleres, poderán participar empresas con presenza maioría de mulleres no consello de dirección ou consello de administración e que fosen creadas co apoio dalgunha das universidades españolas ou dos OPIs. A valoración e puntuación das empresas presentadas ás dúas categorías corresponderá a un comité avaliador composto por persoal experto.