Skip to main content

Pintura, historia e arquitectura danse a man na mostra ‘A Universidade pintada’

A exposición estrutúrase en catro bloques que se corresponden co emprazamento físico dos edificios retratados. FOTO: Santi Alvite
A exposición estrutúrase en catro bloques que se corresponden co emprazamento físico dos edificios retratados. FOTO: Santi Alvite
Unha selección de 28 obras de gran formato, realizadas en acrílico sobre táboa, e sete pezas menores executadas sobre lenzo, integran a mostra da pintora compostelá Isabel Rey que se inaugura este luns 20 no Colexio de Fonseca e que retrata o patrimonio da USC
Santiago de Compostela

Ata o vindeiro 16 de setembro, a mostra 'A Universidade Pintada' exhibe o retrato do patrimonio arquitectónico da USC a través da ollada da pintora compostelá Isabel Rey. Trátase dunha selección de 28 obras de gran formato, realizadas en acrílico sobre táboa, e sete pezas menores executadas sobre lenzo. A exposición pode visitarse de balde no Claustro Alto do Colexio de Fonseca de luns a venres, entre as 11.00 e as a 14.00 horas, en quenda de mañá, e de 17.00 a 20.30 horas, en quenda de tarde.

O acto de inauguración desenvólvese este luns 20 de xuño, ás 20.00 horas, no Salón Nobre de Fonseca, nun evento que serve tamén para presentar o folleto ilustrado da mostra coa presenza do reitor da USC, Antonio López, e da artista responsable da mostra, Isabel Rey. 

A exposición estrutúrase en catro bloques que se corresponden co emprazamento físico dos edificios retratados: edificios históricos, Campus Norte, Campus Sur e Campus de Lugo. O proxecto combina o goce estético da exposición co acceso a contidos complementarios sobre a historia dos edificios, como imaxes e documentos procedentes do Arquivo Histórico Universitario, aos que se pode acceder a través de códigos QR. 

The contents of this page were updated on 06.20.2022.