Ir o contido principal

Exposición

A Universidade pintada

Do 13 de xuño ao 16 de setembro de 2022

Santiago de Compostela
Claustro Alto

O horario de visitas é de luns a venres, de 11 a 14 horas e a asistencia é de balde

Exposición 'A Universidade Pintada', de Isabel Rey
Exposición 'A Universidade Pintada', de Isabel Rey

Do 13 de xuño ao 16 de setembro o Claustro Alto do Colexio de Fonseca acollerá a exposición 'A Universidade Pintada', un percorrido pictórico polos edificios da USC a través das obras da artista compostelá Isabel Rey.

A mostra componse de 28 obras de gran formato, realizadas en acrílico sobre táboa, e sete pezas menores executadas sobre lenzo. Estrutúrase en catro bloques que corresponden coa ubicación dos edificios retratados: Edificios históricos, Campus Norte, Campus Sur e Campus de Lugo. O proxecto combina o goce estético da exposición co acceso a contidos complementarios sobre a historia dos edificios, como imaxes e documentos procedentes do Arquivo Histórico Universitario, aos que se poderá acceder a través de códigos QR que ofrecerán a información en galego, castelán e inglés. 

Así, poderemos coñecer con detalle o rico patrimonio histórico dunha das universidades máis antigas do Estado, así como a súa evolución e crecemento permanente, mostrando esa faceta máis tecnolóxica e de investigación a través dos seus edificios máis contemporáneos. 

A pintora Isabel Rey conta cunha ampla traxectoria no circuito da arte e con numerosas exposicións no ámbito da pintura figurativa. As súas obras céntranse con frecuencia na paisaxe urbana onde a luz e a cor cobran todo o protagonismo.

Pablo Sampedro Magán, director da área de Cultura da USC, e Fernando M. Tabernero, arquitecto e director da Área de Arquitectura e Urbanismo da USC, asinan os textos da exposición. 

O acto de inauguración da exposición celebrarase o 20 de xuño ás 20.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, nun evento que servirá tamén para presentar o folleto ilustrado da mostra e que contará coa presenza do reitor e doutras autoridades. 

O horario de visitas nos meses de verán é de luns a venres, de 11 a 14 horas e a asistencia é de balde.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.08.2022.