Teatro Principal
USCénica 2022, o festival de artes escénicas que impulsa a USC, estenderase do 20 de xuño ao 9 de xullo cun amplo abano de actuacións musicais e teatrais, así como cun diverso programa formativo.

A Cía. Elahood participa no USCénica 2022 con Nó, unha proposta de danzas urbanas baixo a ollada da creación contemporánea. O pase terá lugar o venres 8 de xullo ás 20.30 horas no Teatro Principal.
As entradas para esta función teñen un prezo de 3 euros e estarán dispoñibles no despacho de billetes do teatro dende as 18.30 horas.
NÓ
“Teño algo importante que dicir pero aínda non sei o que é “
Esta frase sitúase como punto de partida da nova creación da compañía Elahood.
NÓ convida o público a unha viaxe onírica, estirando e deformando o significado do que é importante. Baixo un filtro de ironía e fantasía, a compañía deixa ver pegadas do debate actual que atende a de-construción de xénero e a conciencia de clase.
O espectáculo conta coa estética máis característica da compañía, unha danza precisa, limpa e extremadamente coordinada. Elahood continúa a súa aposta particular por unha linguaxe visual e coidada, que neste espectáculo abraza a presenza do texto e a voz.
Onde reside a importancia do importante?
Debemos subirnos a un escenario sempre coa responsabilidade de defender un discurso?
NÓ é un collage que parte da intuición máIs naif de dúas mulleres galegas que se renden a ter que ser importantes. Unha proposta escénica contemporánea que invita á reflexión colectiva das preocupacións actuais.
Máis información na web de USCénica.
