O proceso de matrícula nos graos da USC chega ao seu ecuador co 90 por cento das prazas cubertas

A Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) publica este xoves a cuarta listaxe de persoas admitidas para cursar un grao nalgún dos centros do SUG, o que dá paso a unha nova quenda de matriculacións que poderán efectuarse do 5 ao 8 de agosto a través desta ligazón. Para facilitar o proceso, a USC pon á disposición das persoas usuarias esta guía visual con todos os pasos que se deben seguir.
Ao longo dos próximos meses, aínda haberá dúas quendas máis de matrícula. O día 9 de agosto darase a coñecer unha nova listaxe de persoas admitidas que poderán matricularse do 10 ao 11 do mesmo mes. Finalmente, o día o 2 de setembro publicarase a relación de solicitudes aceptadas na sexta e última quenda de matrícula, que poderá facerse efectiva entre os días 3 e 6 dese mes.
Nesta altura, o número de prazas vacantes en titulacións da USC para o curso 2022-23 chega apenas ao 11 %, o que supón que case 9 de cada dez prazas dispoñibles xa foron cubertas nun proceso no que preto de medio cento de titulacións da Universidade de Santiago de Compostela esgotaron xa as súas vacantes. A listaxe completa de graos pechados e as notas de corte para o acceso aos que permanecen abertos están dispoñibles nesta ligazón.
En paralelo, xa se iniciaron os chamamentos para esgotar as prazas vacantes derivadas de anulacións ou desistencias da solicitude de acceso a algunhas titulacións, que continuarán a medida que vaian xurdindo ata o 15 de outubro.
De experimentaren incidencias durante o proceso de matriculación, as persoas usuarias deben remitilas á CiUG a través do enderezo electrónico ciug [at] ciug.gal (ciug[at]ciug[dot]gal) ou do formulario habilitado na súa páxina web. Tamén poderán poñerse en contacto coa Oficina de Información Universitaria (OiU) da USC a través das vías de acceso facilitadas no portal institucional.
