Ir o contido principal

O proceso de matrícula nos graos da USC chega ao seu ecuador co 90 por cento das prazas cubertas

preto de medio cento de titulacións da Universidade de Santiago de Compostela esgotaron xa as prazas vacantes. Foto: Santi Alvite
preto de medio cento de titulacións da Universidade de Santiago de Compostela esgotaron xa as prazas vacantes. Foto: Santi Alvite
As quendas de matriculación continúan ata o 6 de setembro e xa se iniciaron os chamamentos para cubrir prazas en titulacións con vacantes
Lugo, Santiago de Compostela

A Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) publica este xoves a cuarta listaxe de persoas admitidas para cursar un grao nalgún dos centros do SUG, o que dá paso a unha nova quenda de matriculacións que poderán efectuarse do 5 ao 8 de agosto a través desta ligazón. Para facilitar o proceso, a USC pon á disposición das persoas usuarias esta guía visual con todos os pasos que se deben seguir.

Ao longo dos próximos meses, aínda haberá dúas quendas máis de matrícula. O día 9 de agosto darase a coñecer unha nova listaxe de persoas admitidas que poderán matricularse do 10 ao 11 do mesmo mes. Finalmente, o día o 2 de setembro publicarase a relación de solicitudes aceptadas na sexta e última quenda de matrícula, que poderá facerse efectiva entre os días 3 e 6 dese mes.

Nesta altura, o número de prazas vacantes en titulacións da USC para o curso 2022-23 chega apenas ao 11 %, o que supón que case 9 de cada dez prazas dispoñibles xa foron cubertas nun proceso no que preto de medio cento de titulacións da Universidade de Santiago de Compostela esgotaron xa as súas vacantes. A listaxe completa de graos pechados e as notas de corte para o acceso aos que permanecen abertos están dispoñibles nesta ligazón.

En paralelo, xa se iniciaron os chamamentos para esgotar as prazas vacantes derivadas de anulacións ou desistencias da solicitude de acceso a algunhas titulacións, que continuarán a medida que vaian xurdindo ata o 15 de outubro.

De experimentaren incidencias durante o proceso de matriculación, as persoas usuarias deben remitilas á CiUG a través do enderezo electrónico ciug [at] ciug.gal (ciug[at]ciug[dot]gal) ou do formulario habilitado na súa páxina web. Tamén poderán poñerse en contacto coa Oficina de Información Universitaria (OiU) da USC a través das vías de acceso facilitadas no portal institucional.

Calendario de matrícula
Calendario de matrícula
Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.08.2022.