Esta obra de teatro científico promovida polo IGFAE visibiliza a vida da codescubridora da fisión nuclear, un fito polo que Otto Hahn foi distinguido en solitario co Premio Nobel de Química en 1944

Lise Meitner foi unha de tantas pioneiras científicas esquecidas na historia: a principios do século XX as súas contribucións para descubrir a fisión nuclear foron cruciais, pero foi ignorada polo comité do Premio Nobel. Proxecto Meitner: Recordando a Lise Meitner é unha obra de teatro para todos os públicos promovida polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) que pretende recuperar a figura desta investigadora e facer xustiza co lugar que ocupa na historia da ciencia.
Haberá dúas representacións desta peza no Auditorio Abanca de Santiago. A primeira delas, será o luns 24 de outubro ás 21.00 h e estará aberta ao público xeral. A segunda, o martes 25 de outubro ás 10.00 h e exclusivamente dirixida a centros de secundaria, complementarase cun coloquio posterior con físicas e artistas do espectáculo. A entrada é de balde previa inscrición ata completar capacidade.
Esta obra de teatro científico chegará a Santiago de Compostela no marco do congreso European Nuclear Physics Conference 2022 (EuNPC 2022) organizado polo IGFAE entre o 24 e o 28 de outubro. É una iniciativa cuxa produción artística corre a cargo da compañía teatral CRIT e que está impulsada polo Instituto de Física Corpuscular (IFIC) do CSIC e a Universidade de Valencia, coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía do Ministerio de Ciencia e Innovación e o Instituto Valenciano de Cultura, a Fundación Xeral CSIC e a Unidade de Igualdade da UV.
Nobel negado á codescubridora da fisión nuclear
Lise Meitner naceu en Viena o 7 de novembro de 1878. A educación que recibiu por parte da súa familia permitiulle chegar á universidade, estudar Física e converterse na segunda muller doutora da Universidade de Viena en 1906. Ao terminar o seu doutoramento, Lise solicitou entrar como estudante no laboratorio Curie, pero foi rexeitada por falta de prazas. Entón decidiu viaxar a Berlín para afondar os seus coñecementos no campo da radioactividade. Alí coñeceu o seu gran amigo e colega Otto Hahn, con quen estableceu unha estreita colaboración científica de case máis de 30 anos. En 1938 Lise tivo que fuxir da Alemaña nazi e exiliarse a Suecia. Xunto a Fritz Strassmann produciu o primeiro exemplo de fisión nuclear, un fito do que non foron conscientes ata que ela interpretou os resultados. Un ano despois, Hahn manda á revista Nature o traballo que daba conta do experimento omitindo a Meitner : temía que o acusasen de colaborar cunha xudía. Aínda que o papel de Lise Meitner foi crucial nos achados, só Hahn recibiu en 1944 o Premio Nobel de Química por este descubrimento.
Meitner foi candidata ao ao Nobel en 48 ocasións, pero nunca o acadou. Si conseguiu moitos outros recoñecementos, entre eles o Premio Enrico Fermi en 1966 polas súas contribucións á Física. En 1968, finou en Cambridge con case 90 anos. Tras a súa morte sucedéronse numerosos nomeamentos e na actualidade varios premios teñen o seu nome. Así, Lise Meitner ten o privilexio de ser a única científica que nomea en solitario un elemento da táboa periódica, o meitnerio.
