Ir o contido principal

Teatro

Proxecto Meitner: Recordando a Lise Meitner

24.10.2022 | 21.00h-23.00h

Auditorio Abanca (Rúa do Preguntoiro, 23)
Santiago de Compostela

Esta obra de teatro científico promovida polo IGFAE visibiliza a vida da codescubridora da fisión nuclear, un fito polo que Otto Hahn foi distinguido en solitario co Premio Nobel de Química en 1944

Otto Hahn e Lise Meitner no seu laboratorio de Berlín arredor de 1910. Imaxe: Archives of the Max Planck Society.
Otto Hahn e Lise Meitner no seu laboratorio de Berlín arredor de 1910. Imaxe: Archives of the Max Planck Society.

Lise Meitner foi unha de tantas pioneiras científicas esquecidas na historia: a principios do século XX as súas contribucións para descubrir a fisión nuclear foron cruciais, pero foi ignorada polo comité do Premio Nobel. Proxecto Meitner: Recordando a Lise Meitner é unha obra de teatro para todos os públicos promovida polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) que pretende recuperar a figura desta investigadora e facer xustiza co lugar que ocupa na historia da ciencia.

Haberá dúas representacións desta peza no Auditorio Abanca de Santiago. A primeira delas, será o luns 24 de outubro ás 21.00 h e estará aberta ao público xeral. A segunda, o martes 25 de outubro ás 10.00 h e exclusivamente dirixida a centros de secundaria, complementarase cun coloquio posterior con físicas e artistas do espectáculo. A entrada é de balde previa inscrición ata completar capacidade.

Esta obra de teatro científico chegará a Santiago de Compostela no marco do congreso European Nuclear Physics Conference 2022 (EuNPC 2022) organizado polo IGFAE entre o 24 e o 28 de outubro. É una iniciativa cuxa produción artística corre a cargo da compañía teatral CRIT e que está impulsada polo Instituto de Física Corpuscular (IFIC) do CSIC e a Universidade de Valencia, coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía do Ministerio de Ciencia e Innovación e o Instituto Valenciano de Cultura, a Fundación Xeral CSIC e a Unidade de Igualdade da UV.

Nobel negado á codescubridora da fisión nuclear

Lise Meitner naceu en Viena o 7 de novembro de 1878. A educación que recibiu por parte da súa familia permitiulle chegar á universidade, estudar Física e converterse na segunda muller doutora da Universidade de Viena en 1906. Ao terminar o seu doutoramento, Lise solicitou entrar como estudante no laboratorio Curie, pero foi rexeitada por falta de prazas. Entón decidiu viaxar a Berlín para afondar os seus coñecementos no campo da radioactividade. Alí coñeceu o seu gran amigo e colega Otto Hahn, con quen estableceu unha estreita colaboración científica de case máis de 30 anos. En 1938 Lise tivo que fuxir da Alemaña nazi e exiliarse a Suecia. Xunto a Fritz Strassmann produciu o primeiro exemplo de fisión nuclear, un fito do que non foron conscientes ata que ela interpretou os resultados. Un ano despois, Hahn manda á revista Nature o traballo que daba conta do experimento omitindo a Meitner : temía que o acusasen de colaborar cunha xudía. Aínda que o papel de Lise Meitner foi crucial nos achados, só Hahn recibiu en 1944 o Premio Nobel de Química por este descubrimento.

Meitner foi candidata ao ao Nobel en 48 ocasións, pero nunca o acadou. Si conseguiu moitos outros recoñecementos, entre eles o Premio Enrico Fermi en 1966 polas súas contribucións á Física. En 1968, finou en Cambridge con case 90 anos. Tras a súa morte sucedéronse numerosos nomeamentos e na actualidade varios premios teñen o seu nome. Así, Lise Meitner ten o privilexio de ser a única científica que nomea en solitario un elemento da táboa periódica, o meitnerio.

Cartel do proxecto
Cartel do proxecto
Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.10.2022.