Skip to main content

Un total de 32 alumnos e alumnas da USC acadan os Premios Fin de Carreira

Do conxunto de premiados e premiadas, o 58%, 48 persoas, son mulleres. FOTO: Santi Alvite
Do conxunto de premiados e premiadas, o 58%, 48 persoas, son mulleres. FOTO: Santi Alvite
Cada unha das persoas galardoadas recibirá 3.500 euros e un diploma acreditativo desta distinción
Lugo, Santiago de Compostela

A Xunta de Galicia acaba de publicar no Diario Oficial de Galicia a resolución dos Premios Fin de Carreira para o alumnado que rematou os seus estudos universitarios no ano 2021 no Sistema Universitario de Galicia. Un total de 32 persoas da USC recibe este recoñecemento, que ten como finalidade distinguir o traballo do alumnado máis destacado, incentivado así a excelencia académica como aposta de futuro para Galicia. En total, o Goberno Autonómico distinguiu a 82 persoas das tres universidades públicas galegas.

Do conxunto de premiados e premiadas, o 58%, 48 persoas, son mulleres. Os mellores expedientes distribúense en 56 titulacións nos diferentes campus. Por número de recoñecementos destaca o grao en Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, con catro galardóns. Esta convocatoria da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades conta cunha dotación económica de 3.500 euros por estudante, ademais dun diploma acreditativo desta distinción.

Para optar ao premio as persoas candidatas debían acreditar unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 8,50 puntos para o alumnado das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde e 7,50 puntos para o alumnado da rama de Enxeñaría e Arquitectura.

The contents of this page were updated on 10.17.2022.