Skip to main content

Monica Mura inaugura este xoves na Igrexa da Universidade a exposición ‘E ti que (de quen) vés sendo?’

Monica Mura inaugura este xoves na Igrexa da Universidade a exposición ‘E ti que (de quen) vés sendo?’
Monica Mura inaugura este xoves na Igrexa da Universidade a exposición ‘E ti que (de quen) vés sendo?’

Abrir un diálogo coa cidadanía para poñer o foco de atención sobre as cuestións de xéneros, memorias e identidades. Esa é a intención da artista Monica Mura (Cagliari, 1979) coa súa exposición ‘E ti que (de quen) vés sendo?’ que este xoves 4 se inaugura ás 20.00 horas na Igrexa da Universidade.

Artista interdisciplinar e performer, Monica Mura explora desde hai tempo a vida e a arte a través da perspectiva de xénero. Despois de dedicar os últimos anos a reflexionar sobre a muller, sente a necesidade de dar un paso máis para abrir o seu discurso incluíndo as visións de persoas que pola súa situación comparten moitas das problemáticas tratadas antes coas mulleres cisxénero: a muller trans* e por extensión o colectivo LGTBIQ

A exposición estrutúrase en torno a un percorrido principal no que o público debe ir contestando a preguntas do título ‘E ti que (de quen) vés sendo?’ de maneira que deixa de ser espectador para ser parte integrante da proposta. Así, quen visite a mostra poderá tocar as obras e interactuar directamente con elas modificándoas e construíndo un discurso propio.

Ela mesma afirma crer “no poder da creación como motor de transformación en todos os aspectos, desde os máis creativos aos máis prácticos e cotiás”. Así, e como poderá apreciarse na mostra da Universidade compostelá, entende a arte como un diálogo “no que interactúo coas persoas por medio das miñas obras, propoñendo xestos e accións que buscan reaccións para impulsar o crecemento”.

Performances delegadas presenciais ou a distancia, pezas que se desenvolven como accións colectivas a través do uso das redes sociais ou testemuñas reais de mulleres conforman ese brazo principal da mostra, que se completa con outro camiño paralelo e entrecruzado que contesta á pregunta ‘E ti de quen vés sendo?’ cun carácter máis persoal, con referencias ás súas orixes, e rescatando a voz de mulleres referentes pero silenciadas.

A exposición ‘E ti que (de quen) vés sendo?’ poderá visitarse ata o 31 de outubro de martes a domingo, de 16.00 a 20.00 horas.

Monica Mura Doutora en Arte, Música e Espectáculo pola Università degli studi dei Torino (Italia), Monica Mura realizou accións e mostras individuais e colectivas entre España, Italia e Portugal (Museo Thyssen- Bornemisza de Madrid, MAC da Coruña, Museu José Malhoa de Caldas da Raiña, entre outras).

Participou en numerosos proxectos de loita contra a violencia de xénero en Galicia e Italia e foi seleccionada coa súa obra ‘Sas Diosas’ polo Museo Thyssen-Bornemisza para formar parte de Nos+Otras: en Rede 2015-2017, un proxecto de EducaThyssen, Mención de Honra no 8º Premio Iberoamericano de Educación e Museos. A súa obra forma parte ademais de coleccións públicas e privadas, como os fondos do Museo Provincial de Lugo.

Pertence á asociación MAV Mujeres en las Artes Visuales e ao comité científico do Congreso de Xéneros, Museos, Arte e Educación de RML. Foi seleccionada no Concurso Intervencións Artísticas de XX Bienal De Arte de Cerveira 2018 (PT) e formará parte de Biennale dei Genova ‘Other Identity’ 2019.

The contents of this page were updated on 10.03.2018.