Santiago de Compostela
Aula 10
Esta xornada organizada polo grupo HISTAGRA encádrase no Plan Cuadrienal de Memoria Democrática 2022

O próximo venres día 4 de novembro celébrase no CISPAC o encontro científico 'Removendo pasados, resignificando presentes e reescribindo futuros. Debates, Sinerxias e Propostas de Intervención sobre os Lugares de Memoria', dentro do Plan Cuadrienal de Memoria Democrática 2022, do que forma parte HISTAGRA.
En setembro de 2022 a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela asinaron o convenio de colaboración polo que o equipo universitario formado por investigadores de HISTAGRA, SINCRISIS, IMELGA e MEDICINA XENÓMICA realizan as tarefas de documentación, exhumación e análise dos restos de persoas asasinadas pola violencia franquista. Cara a este fin, o persoal investigador vén desenvolvendo traballos de localización, exhumación e identificación de vítimas, divulgación dos resultados e recoñecemento así como de promoción dos lugares e espazos de memoria.
Nesa liña, este encontro interdisciplicar reúne especialistas do cine, a arte, a historia, a arqueoloxía e a xenética nun debate que explorará cuestións como: que define aos espazos como “lugares de memoria” e cales son os seus límites?; como podemos intervir nos lugares de violencia para resignificalos como memoria democrática?; que linguaxe e medios empregamos?; como enxergar o papel do relato histórico na representación artística?; a quen diriximos as políticas públicas de memoria?; cal é o seu presente e, sobre todo, o seu futuro?; ou como expresar materialmente a conmemoración?
A xornada, que se desenvolverá das 09.30 ás 17.30 horas na sede do CISPAC, permitirá ademais amosar os traballos que se están a facer noutros lugares de España e Europa.
O programa da actividade está dispoñible nesta ligazón.