Skip to main content

A I Feira de Outono, un escaparate do emprendemento rural en clave feminina

Elvira López, Roberto Garcia, Antonio López e Lara Méndez, conversan cunha responsable de Muuhlloa, no Mercado municipal de Lugo
Elvira López, Roberto Garcia, Antonio López e Lara Méndez, conversan cunha responsable de Muuhlloa, no Mercado municipal de Lugo
O reitor da USC, Antonio López, inaugura no Mercado municipal de Lugo, unha xornada de divulgación e sensibilización promovida desde o Campus Terra e a través das que se dá a coñecer o amplo abano de produtos e servizos que ofrecen unha vintena de empresas e iniciativas lideradas por emprendedoras no medio rural

A I Feira de Outono de Emprendedoras no Rural pon en valor e fai visible a fonda pegada das mulleres na vida e no emprendemento rural, tal e como indicou o reitor da USC, Antonio López, na apertura da xornada celebrada nas instalacións do Mercado Municipal de Lugo, no marco dunha sesión na que tamén participaron a alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez; o deputado provincial Roberto García; a xefa territorial da Xunta de Galicia en Lugo Pilar Fernández, e, entre outros, a delegada do Campus Terra da USC, Elvira López Mosquera, e a responsable do programa Woman Emprende da USC, Eva López Barrio.

O evento de promoción dos valores medio rural promovido desde o Campus Terra, financiado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, en colaboración co Concello de Lugo, Deputación Provincial e Xunta de Galicia, busca asemade salientar o peso das mulleres no ecosiste-ma do emprendemento rural ao través de diversas intervencións e charlas de mulleres que xa son referencia no eido empresarial e rural.

Esta cita arredor do emprendemento feminino no medio rural, unha cita que, segundo indicou Antonio López, nace con vocación de futuro, convida tamén á reflexión sobre o  rol que deben desenvolver a USC e as demais institucións públicas a prol do desenvolvemento rural. Daquela, a xornada, estruturada en diversos faladoiros con mulleres emprendedoras como protagonistas, serve tamén de escenario no que máis dunha vintena de empresas e iniciativas lideradas por mulleres (Muuhlloa, Cerneda, Gandeiría Quitián, Tres Fuciños Porco Celta. Abadía da Cova-Adegas Moure, Ceniza de papel, Lucecús, Maripaz Lorenza, Ribeiregas, Tropic Gaia, Quinta Sacra, Embutidos Suarna, Rural o Urbano, Mi madre no me deja; Xianas, Pau Decó, Argaia Biocosmética, Caurelor, Aobá Upcycling, Mira Tú, e A Libraría de Proencia) dean a coñecer os seus produtos e servizos, un legado que converte o medio rural nunha realidade máis sostible.

A I Feira de Outono de Emprendedoras no Rural, cuxo programa se estende en quenda de mañá e tarde, deixa ver que a pegada feminina, ofrece ao público interesado a posibilidade de tomar parte en diversos obradoiros orientados a coñecer experiencias de emprendedoras rurais. A directora de campo do Grupo Leite Río, Cristina Dopico; a presidenta do GDR-Terra Chá, Fe Legaspi; a CEO de Idoia Cuesta Cestería Contemporánea, Idoia Cuesta; a CEO de Mi Tesoro, Virginia Mateos; a copropietaria de Adegas Moure, Paloma Rodríguez Moure, e a copropietaria de Traloagro, Isabelle Gómez Rodríguez, abriron cos seus respectivos testemuños esta quenda de intervencións.

A investigación universitaria na contorna rural deu continuidade ao programa cun coloquio no que participan como relatoras as CEO de TasteLab e IBoneLab, Maruxa Quiroga e María Permuy, respectivamente, ademais de Begoña Jiménez, Nuria Varela Portas e Marta Álvarez, que, á súa vez, son co fundadoras de Timbersoul by Cándido Hermida, Pazo de Vilane e Muuhlloa.

Un obradoiro de maridaxe científico con Sensesbit by TasteLab, e a sesión de iniciación á cata ‘Mulleres e viño na Ribeira Sacra’, a cargo da sumiller Isabel Lozano, pecharon o programa matinal da I Feira de Outono de Emprendedoras no Rural, un foro prolongado en quenda de tarde con tres obradoiros sobre deseño dunha horta, a cargo do GDR-4; Moda Upcycling, guiado por Karol Farias, CEO de Aobá Upcycling, e cerámica, impartido por María Sánchez, de Ceniza de Papel.

Unha vez rematadas as actividades programadas, o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga; a concelleira de Desenvolvemento Local e Emprego, Ana González Abelleira; a deputada provincial delegada da área de Muller e Igualdade, María Loureiro, e a concelleira de Igualdade e Muller do Concello de Lugo, Silvia Alonso, pecharán esta xornada divulgativa sobre emprendemento feminino na contorna rural, no marco dun acto moderado por Patricia González Alonso, da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC.

 

Antonio López, inaugura a I Feira do Outono no Mercado municipal de Lugo
Antonio López, inaugura a I Feira do Outono no Mercado municipal de Lugo
Participantes nun dos faladoiros programados na I Feira de Outono
Participantes nun dos faladoiros programados na I Feira de Outono
Unha das expositoras presentes na cita organizada pola USC
Unha das expositoras presentes na cita organizada pola USC
The contents of this page were updated on 10.28.2022.