Skip to main content

Asinado o acordo entre as universidades galegas e a EGAP para a colaboración en actividades de formación, divulgación e investigación

Os reitores galegos Antonio López Díaz, Julio Ernesto Abalde Alonso e Manuel Joaquín Reigosa Roger asinaron este martes en Santiago coa directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos González, un convenio para a colaboración e o desenvolvemento conxunto de actividades de carácter formativo, divulgador e investigador. Trátase así de procurar unha máis eficaz e eficiente utilización dos recursos de cada unha das institucións para o mellor cumprimento dos fins que teñen asignados.

Esa colaboración poderá consistir na realización conxunta de cursos de formación continua ou ben de xornadas e outras actividades de divulgación sobre temas de actualidade e interese relativos á Administración e ao seu funcionamento. Á primeira modalidade terá acceso o persoal de administración e servizos das Universidades asinantes, mentes que ás restantes actividades tamén terán acceso os empregados públicos das Administracións galegas, os demais membros da comunidade universitaria, así como persoas interesadas en xeral.

En virtude deste convenio, as catro partes asinantes colaborarán tamén na edición conxunta de libros, outras publicacións e documentos de traballo así como na promoción da actividade investigadora mediante proxectos conxuntos.

Unha das novidades importantes do acordado este martes ten que ver coa colaboración na organización dos cursos de verán universitarios, cuxa programación terá en conta en futuras convocatorias as necesidades e intereses formativos do persoal da Administración pública galega, ao que se destinarán unhas prazas concretas.

The contents of this page were updated on 10.16.2018.