Skip to main content

Ciencia en galego a través de monólogos divertidos no ‘DivúlgaT’

Francisco Fraga e Roberto Fernández, na apertura do 'DivúlgaT'
Francisco Fraga e Roberto Fernández, na apertura do 'DivúlgaT'
Mocidade investigadora e docentes do Campus de Lugo achegan as súas pescudas á sociedade a través de monólogos en galego, no marco do ‘DivúlgaT’, unha iniciativa promovida polo SNL da USC xunto co Campus Terra e a Deputación de Lugo, que ofrece o martes 29 unha nova sesión de divulgación científica na Casa do Saber

O evento de divulgación científica en lingua galega DivúlgaT, unha iniciativa promovida polo Servizo de Normalización Lingüística da USC e o Campus Terra co mecenado da Deputación Provincial de Lugo, traslada á cidadanía as liñas de traballo e os resultados dalgúns dos proxectos de investigación que se están a desenvolver na sede universitaria luguesa.

“O DivúlgaT, antes DivulgaTerra, é un programa pensado para dar visibilidade á mocidade investigadora da sede universitaria luguesa, tanto a aqueles que traballan en ámbitos ligados cos piares do Campus Terra, como nas áreas de Ciencias Sociais ou Humanidades”, sinalou o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, na sesión de apertura desta iniciativa de divulgación científica, un acto no que o deputado provincial delegado da área de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, abundou na nececidade de divulgar e dar a coñecer o traballo dos investigadores e, por ende, os distintos avances científicos acadados.

As palabras de benvida ofrecidas por Fraga e Fernández Rico á palestra de relatores que participaron este martes na primeira sesión do DivúlgaT, serviron de preludio dunha velada estructurada nunha sucesión de monólogos de ciencia aliñados de humor. Alejandro Cao Cancelas e Sandra Raposo García abriron o menú de petiscos de divulgación científica coa exposición ‘Os perigos da auga’. ‘A morte na ría: o caso do berberecho de Arousa’, foi o tema tratado por María Pampín Iglesias, a quen sucedeu no estrado da Casa do Saber Inés Martínez Sambade co relato ‘Deteccion de marcas de resistencia e parasitos en ostra plana’.

O monólogo de Fernando Vázquez Miranda ‘Pesos sentinela de canais de vacún sacrificados en matadoiro’, e os relatos ‘Que non che dean galego por francés!’, ‘Anatomía do pracer’, ‘Zombis, enfermidades e cairomonas’ e ‘Gatos, embarazadas e ratos zombis’, que tiveron como protanistas a Nicolás Mejuto Vázquez, Irene Ortiz Leal, Pablo Sánchez Quinteiro e David García Dios, completaron o programa da primeira sesión do ciclo  DivúlgaT, un programa que terá continuidade o martes 29, ás 19.30 horas.

Segunda sesión

O programa do ‘DivúlgaT 2002’ continuará o 29 de novembro coa segunda e última sesión de petiscos de divulgación científica. Nerea Gandoy Fieiras abrirá o acto co relato ‘Amor a primeira vista!’, ao que seguirá a intervención de Adrián Casanova Chiclana ‘E ti de quen vés sendo?, dille o xenetista á troita’.

Os monólogos ‘Migrantes audiovisuais e redes’, da man de Daniel Manuel Vázquez Vila, e ‘Incendios forestais e herbivorismo pírico’, a cargo de María Rosa Mosquera, darán continuidade a unha sesión na que Gonzalo Pérez de Lis e Ana Paula Losada ofrecerán cadansúa charla baixo os títulos ‘As árbores non poden correr, pero si adiantar a hora’, e ‘Megaestruturas dos organismos vivos: a saúde comeza no intestino’. O monólogo ‘Unha vaca moi intelixente’, a cargo de Uxía Yáñez Ramil, completará o programa de faladoiros desta nova edición do ciclo ‘DivúlgaT’.

Investigadores participantes na primeira sesión do programa de divulgación científica 'DivúlgaT'
Investigadores participantes na primeira sesión do programa de divulgación científica 'DivúlgaT'
The contents of this page were updated on 11.23.2022.