Ciencia en galego a través de monólogos divertidos no ‘DivúlgaT’

O evento de divulgación científica en lingua galega DivúlgaT, unha iniciativa promovida polo Servizo de Normalización Lingüística da USC e o Campus Terra co mecenado da Deputación Provincial de Lugo, traslada á cidadanía as liñas de traballo e os resultados dalgúns dos proxectos de investigación que se están a desenvolver na sede universitaria luguesa.
“O DivúlgaT, antes DivulgaTerra, é un programa pensado para dar visibilidade á mocidade investigadora da sede universitaria luguesa, tanto a aqueles que traballan en ámbitos ligados cos piares do Campus Terra, como nas áreas de Ciencias Sociais ou Humanidades”, sinalou o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, na sesión de apertura desta iniciativa de divulgación científica, un acto no que o deputado provincial delegado da área de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, abundou na nececidade de divulgar e dar a coñecer o traballo dos investigadores e, por ende, os distintos avances científicos acadados.
As palabras de benvida ofrecidas por Fraga e Fernández Rico á palestra de relatores que participaron este martes na primeira sesión do DivúlgaT, serviron de preludio dunha velada estructurada nunha sucesión de monólogos de ciencia aliñados de humor. Alejandro Cao Cancelas e Sandra Raposo García abriron o menú de petiscos de divulgación científica coa exposición ‘Os perigos da auga’. ‘A morte na ría: o caso do berberecho de Arousa’, foi o tema tratado por María Pampín Iglesias, a quen sucedeu no estrado da Casa do Saber Inés Martínez Sambade co relato ‘Deteccion de marcas de resistencia e parasitos en ostra plana’.
O monólogo de Fernando Vázquez Miranda ‘Pesos sentinela de canais de vacún sacrificados en matadoiro’, e os relatos ‘Que non che dean galego por francés!’, ‘Anatomía do pracer’, ‘Zombis, enfermidades e cairomonas’ e ‘Gatos, embarazadas e ratos zombis’, que tiveron como protanistas a Nicolás Mejuto Vázquez, Irene Ortiz Leal, Pablo Sánchez Quinteiro e David García Dios, completaron o programa da primeira sesión do ciclo DivúlgaT, un programa que terá continuidade o martes 29, ás 19.30 horas.
Segunda sesión
O programa do ‘DivúlgaT 2002’ continuará o 29 de novembro coa segunda e última sesión de petiscos de divulgación científica. Nerea Gandoy Fieiras abrirá o acto co relato ‘Amor a primeira vista!’, ao que seguirá a intervención de Adrián Casanova Chiclana ‘E ti de quen vés sendo?, dille o xenetista á troita’.
Os monólogos ‘Migrantes audiovisuais e redes’, da man de Daniel Manuel Vázquez Vila, e ‘Incendios forestais e herbivorismo pírico’, a cargo de María Rosa Mosquera, darán continuidade a unha sesión na que Gonzalo Pérez de Lis e Ana Paula Losada ofrecerán cadansúa charla baixo os títulos ‘As árbores non poden correr, pero si adiantar a hora’, e ‘Megaestruturas dos organismos vivos: a saúde comeza no intestino’. O monólogo ‘Unha vaca moi intelixente’, a cargo de Uxía Yáñez Ramil, completará o programa de faladoiros desta nova edición do ciclo ‘DivúlgaT’.
