A USC colabora coa Xunta de Galicia na organización deste evento que conta con financiamento do Fondo Social Europeo

O V Encontro de Emprendedoras do Programa Emega ten como obxectivo reunir varias edicións de mulleres beneficiarias das axudas do programa que emprenderon en diferentes sectores, creando tecido empresarial galego, inspirando a outras e liderando empresas que se están consolidando no tempo.
O encontro arrancará o luns, 12 de decembro, ás 10 horas na Escola Galega de Administracións Públicas (EGAP) cun acto de benvida no que tomarán parte o delegado do reitor para a Transferencia e o Emprendemento da USC, Luis A. Otero González, e a conselleira de Promoción do Emprego e a Igualdade da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana Somoza. A seguir, farase apertura da feira expositiva de emprendedoras EMEGA, que permanecerá aberta ao público ata as 14 horas.
Dende as 10.30 horas haberá tamén varias sesións de conversas e conferencias nas que se tratará de 'Emprendemento no rural innovador, sostible e con alto valor engadido', se procederá á presentación do 'Informe GEM: Emprendemento feminino en Galicia', e se realizará a presentación individual dos proxectos por parte das emprendedoras. Ás 13.30 horas, Eva López Barrio, directora do Programa Woman Emprende da USC, presentará as conclusións deste V Encontro Emega e a xornada pechará cunha sesión de clausura que contará coas intervencións da delegada do reitor para a Igualdade na USC, Marta Pérez Pereiro, e da Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella.
A inscrición pode cursarse na ligazón do apartado inferior, onde tamén figura o programa completo do evento, que será retransmitido en directo a través da canle de YouTube de Woman Emprende.
Sesións formativas de balde para emprendedoras
Ademais, e fóra xa do encontro presencial do día 12, a actividade programa sesións de formación en liña para as emprendedoras que se estenderán do martes 13 ao venres 16 de decembro en horario de 14 a 16 horas. Baixo o título 'Oratoria. Conecta coa túa audiencia offline e en liña' e impartidas por Mar Castro, doutora en Comunicación pola Universidade de Vigo, estas sesións afondarán en estratexias para o desenvolvemento de relacións de confianza e relacións estables coa audiencia e na xestión óptima da marca persoal profesional.
O Programa Emega
O programa Emega comprende axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a activación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres. Tamén medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos.
Estes servizos de asesoramento son realizados por persoal técnico do Programa Woman Emprende da Universidade de Santiago de Compostela.
Catro liñas integran o programa: 'Emprende', con incentivos para a posta en marcha de novas empresas por parte de mulleres desempregadas e a creación de emprego estable por conta propia e allea; 'Activa', para favorecer a reactivación e consolidación de proxectos empresariais;'ITEF', que pon o foco no apoio a iniciativas empresariais con carácter innovador, con contido científico ou de base tecnolóxica; e a liña 'Concilia', complementaria das tres anteriores, para axudar tanto ás mulleres promotoras como ás traballadoras ao seu cargo na súa conciliación.
A contía dos apoios vai dos 8.000 euros por beneficiaria aos 42.000 euros, en función da liña solicitada e do número de postos de traballo creados ou mantidos para mulleres de carácter indefinido. A estas contías engadiríase, de ser o caso, a axuda complementaria da liña 'Concilia', que oscila entre os 3.000 e os 5.000 euros.
En 2022, o Programa Emega beneficiou a 346 mulleres emprendedoras en Galicia (105 na provincia da Coruña, 57 na de Lugo, 67 na de Ourense e 117 na de Pontevedra), e favoreceu a consolidación de 619 empregos na comunidade (208 na provincia Coruña, 92 na de Lugo, 115 na de Ourense e 204 na de Pontevedra).