A tenda oficial da USC instálase no casco histórico de Lugo
O Pazo de Montenegro situado en pleno centro do casco histórico lucense acolle dende este venres 23 a sede luguesa da tenda oficial da USC, Unitenda. Deste xeito, este emprazamento de representación institucional emblemático para a cidade de Lugo amplía a súa funcionalidade como dotación cultural onde se programan tamén actividades expositivas, musicais e teatrais, ademais de obradoiros, charlas e conferencias.
As persoas que se acheguen a Unitenda poderán acceder ao amplo catálogo de artigos oficiais da institución universitaria que abranguen dende obras editadas polo Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, ata prendas de roupa ou papelería, entre outros. Ademais, os membros da comunidade universitaria contan cun desconto do 15% na maioría de produtos da tenda, de acordo cos requirimentos establecidos na súa páxina web.