Skip to main content

Investigadores da USC implicados no Life Lugo+Biodinámico levan este proxecto europeo a estudantes do IES Lucus Agusti

Cartaz da xornada
Cartaz da xornada
A xornada divulgativa, organizada como evento asociado á Semana Verde da Unión Europea, desenvolverase este martes 29 de maio a partir das 11.45 horas

Investigadores e técnicos do Campus Terra da USC implicados nalgunha das distintas actuacións que se están a desenvolver ao abeiro do programa Life Lugo+Biodinámico, explicarán este martes, a partir das 11.30 horas, a estudantes do IES Lucus Agusti de Lugo, algunhas das claves que rexen este proxecto europeo, ao tempo que darán conta das diferentes acción nas que están a traballar.

Esta xornada divulgativa e información sobre o Life Lugo+Biodinámico está concibida como un evento asociado á Semana Verde da Unión Europea 2018, un foro no marco do que nesta edición se abordan as actuacións e iniciativas coas que a UE contribúe a mellorar as cidades como lugares para vivir e traballar.

Ademais de remarcar os avances políticos en materia de calidade do aire, ruído, natureza, biodiversidade, xestión de residuos e da auga, este foro internacional promove enfoques participativos do desenvolvemento urbano, sistemas de contactos en rede e ferramentas para o intercambio de boas prácticas. A Semana Verde Europeo busca tamén fomentar formas de implicar ás autoridades locais e aos habitantes das cidades en dinámicas orientadas cara un futuro sustentable.

The contents of this page were updated on 05.28.2018.