As últimas investigacións sobre prións debátense nun congreso internacional en Santiago
O Congreso internacional Prión 2018 reúne en Compostela investigadores e investigadoras de todo o mundo dende este martes día 22 ata o venres 25 de maio na cita anual máis importante no seu ámbito. O profesor da USC Jesús Requena e o profesor Holger Wille, da Universidade de Alberta, inaugurarán a xornada ás 9.30 horas no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia.
Durante esta semana, máis de 300 investigadores darán a coñecer os últimos avances no ámbito dos prións e as enfermidades causadas por estes axentes infecciosos, responsables do mal das vacas loucas e da enfermidade de Creutzfeldt Jakob. Os expertos debaterán os últimos avances no coñecemento da estrutura dos prións e os mecanismos da súa propagación, ademais da terapia no tratamento das enfermidades priónicas e outras enfermidades neurodexenerativas como o Alzhéimer. Tamén tratarán a ameaza que está a agromar en Europa tras a aparición de varios casos de enfermidade priónica en cérvidos noruegueses e finlandeses. O congreso contará coa participación do Premio Nobel de Medicina Stanley Prusiner quen ofrecerá a súa visión sobre a bioloxía do prión e as enfermidades.
Dende a conferencia de París 2004, estas reunións convertéronse en eventos de referencia para a comunidade investigadora. Noutras edicións, este congreso realizouse en cidades como Edimburgo, Tokio, Ámsterdam ou Montreal.