O Campus Terra aliña o seu I+D con iniciativas innovadoras de empresas no sector lácteo galego nun foro do Clusaga
O Campus Terra da USC achega algunhas das súas liñas de investigación estreitamente ligadas co sector primario e nomeadamente cos produtores e coa industria láctea con iniciativas innovadoras do tecido empresarial a través do foro ‘Impulsando a innovación no sector lácteo galego mediante a colaboración universidade -empresa’. A xornada, impulsada xunto coa Comisión de Innovación do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), reuniu este mércores no edificio Cactus da sede universitaria luguesa, o escenario no que unha vintena de investigadores e responsables de 17 empresas tiveron a ocasión de coñecer as súas respectivas capacidades, así como as afinidades existentes para establecer posibles liñas de colaboración apropiadas para avanzar na consolidación dun ecosistema galego de innovación agroalimentaria.
A delegada do reitor da USC para o Campus Terra, Elvira López Mosquera, e o presidente da Comisión de Innovación do Clusaga, Sergio Martínez, deron a benvida dar a benvida a todas as persoas participantes no encontro, un foro estruturado en intervencións breves que serviron para a presentación das fortalezas e capacidades de investigación do Campus Terra, ademais de para conectar os investigadores cos representantes empresariais.
A presentación dos programa de financiamento dispoñibles para favorecer a colaboración universidade-empresa foi outra das temáticas abordadas neste foro a prol do fomento da innovación no sector agrogandeiro, un ámbito no que o Campus Terra da USC pretende converterse en polo de especialización e referente científico a prol da sustentabilidade económica, social e medioambiental do uso da terra.
O faladoiro ‘Capacidades do Campus Terra en agroindustria e produción primaria aplicable ao sector lácteo’, no que intervirán como relatores os profesores e investigadores do Campus de Lugo da USC Ramiro Fouz, Fernando Pardo, Patricia López, Manuel Vázquez e Sandra Castro, abriu o programa da xornada, durante a que estes investigadores deron conta das súas respectivas liñas de traballo sobre saúde e benestar animal, monitorización de parámetros ambientais en granxas de vacún, emprego de algas mariñas como ingredientes funcionais en produtos lácteos, envases biodegradables ou marketing dixital no sector alimentario.
A xornada continuará cun relato sobre os intereses e prioridades das empresas no sector lácteo galego, a cargo do CIO de Galacteum, Ángel Pereira; así como dos CEO de Innolact, Sergio Martínez, e de PSVET, Iván Cid. A presentación das convocatorias de financiamento existentes para proxectos colaborativos e experiencias previas do Clusaga, a cargo da coordinadora de innovación do Clusaga, Noelia Dosil, pecharon a quenda de relatorios deste foro.
A xornada, que se prolongou en quenda de mañá, tivo continuidade cun obradoiro colaborativo no que as empresas representadas interactuaron cos grupos de investigación presentes, a fin de procurar e definir oportunidades concretas de colaboración. Unha vez rematada esta sesión, as persoas inscritas, distribuídas en grupos en función dos seus intereses, completaron visitas ás instalacións da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) da USC e aos laboratorios da empresa de tecnoloxía de análise sensorial TasteLab.