Concerto e coloquio coa afamada violinista Rosanne Philippens no Paraninfo da Universidade

A recoñecida violinista Rosanne Philippens actúa este mércores 23 no Paraninfo da Universidade ás 20.30 horas cun concerto-coloquio no que interpretará obras de Bach, Biber, Paganini, Schubert/Ernst, Enescu, Ysaÿe, Piazzolla e Loevendie. O recital supón a presentación do CLASCLAS-Festival Internacional de Música Clásica que terá lugar próximamente en Vilagarcía de Arousa, en colaboración coa USC.
Rosanne comezou a tocar cando tiña 3 anos cun pequeno 1/16 de violín. Estudou en conservatorios en La Haya e Berlín, rematou a súa mestría en 2013 e actualmente viaxa polo mundo para dar concertos, con Berlín como residencia.
Rosanne actuou como solista con Yannick Nézét-Sequin, Lawrence Foster, Antony Hermus, Michel Tabachnik, con orquestras como as Filharmónicas de Rotterdam e Stuttgart ou as Sinfónicas de Barcelona e de Xerusalén. Na tempada deste ano traballou coa Filharmónica da Radio Holandesa na famosa serie do sábado Matinee no Concertgebouw, coa Amsterdam Sinfonietta, a Sinfonie Orchestre Sankt Gallen, a Orquestra de Cámara Joensuu, a Orquestra Internacional de Xenebra e en festivais de Islandia, Francia, Israel, Alemaña e Países Baixos.
O violín co que toca esta artista é moi especial; trátase dunha creación de Stradivarius en 1727 que leva o sobrenome de ‘Barrere’ e que o ten en préstamo da Fundación Elise Mathilde.
Como explicará Philippens na cita do mércores, o repertorio de violín só é un reto dado que en contraste con, por exemplo, un piano, non pode tocar demasiadas notas ao mesmo tempo. Os compositores sabíano e os verdadeiros xenios, como Bach, entre outros, confiaron en que os oíntes farían o seu traballo de maneira inconsciente: as orellas automaticamente producirán notas que o violín non está tocando, simplemente suxerindo, de xeito que a combinación das notas tocadas e as notas imaxinadas forman a peza.