Skip to main content

Congreso final do proxecto 'Brighter Future'

02.09.2023-02.10.2023 | 09.30h-19.30h

A Universidade de Santiago de Compostela acolle a presentación dos resultados deste proxecto Erasmus + coordinado pola UAB

Cartel do congreso
Cartel do congreso

Os días 9 e 10 de febreiro, a Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, acolle o congreso final do proxecto Erasmus + “Brighter Future: Innovative tools for developing full potential after early adversity”. Organizado en colaboración coa asociación Manaia-Asociación Galega de Adopción e Acollemento, o seu obxectivo é presentar os resultados e materiais elaborados polo proxecto, así como debater e reflexionar sobre este tema con investigadoras internacionais, profesionais, familias e persoas que estiveron nalgún momento da súa infancia tuteladas polo Estado.

Os principais resultados do proxecto –que presentará a súa coordinadora, a profesora da Universitat Autònoma de Barcelona (UAB), Beatriz San Román– consisten nun módulo formativo para profesionais da educación, formado por varios materiais didácticos, e unha biblioteca en liña con información e recursos. Durante tres anos o equipo internacional do proxecto Brighter Future, coordinado pola Universitat Autònoma de Barcelona (UAB), traballou para identificar os desafíos que se expoñen na escolarización de nenos, nenas e adolescentes que sufriron diversas formas de adversidade temperá e que viven ou viviron baixo a tutela da administración.

O equipo do proxecto “Brigther Future” está formado por sete entidades e universidades de catro países: España, Italia, Holanda e Reino Unido e financiado pola Comisión Europea. Está integrado polas universidades Autònoma de Barcelona, de Verona (Italia) e Groningen (Holanda), ademais do Concello de Turín (Italia), CORA –a Coordinadora de Asociacións de Adopción e Acollemento (España)–, PAC UK/Family Action (Reino Unido) e Pharos Expertise Center on Health Disparities (Holanda).

Durante o congreso, celebraranse diferentes charlas e debates con persoas expertas da contorna europea que participaron na investigación. Abordarase como atender á mocidade queer na escola, explicaranse experiencias de persoas adoptadas internacionalmente, tuteladas ou menores sirias/os refuxiadas/os nas escolas de Países Baixos, entre outros moitos. Haberá unha mesa redonda onde se debaterá sobre as respostas do sistema educativo a nenos, nenas e adolescentes que viven baixo a tutela do Estado, xa sexa en familias de acollida ou en centros residenciais, e tamén daqueles que foron adoptados.

O programa completo do evento está dispoñible en liña e inclúe tres obradoiros de balde que se impartirán o venres día 10 de febreiro. 'Non sen nosoutras: como promover a participación de nenos nenas e adolescentes' , a cargo de Aida Urrea- Monclús (Universitat de Lleida), permite coñecer experiencias nas que a rapazada e a mocidade son axentes activos das súas propias vidas e pór en práctica algunhas estratexias participativas. 'A historia do neno ou nena na escola', con Federica de Cordova e Chiara Sità (Università de Verona),  explorará estratexias e ferramentas para abordar como o contexto educativo pode prover o coidado persoal da rapazada, fomentar as relacións entre iguais e construír relacións significativas coas persoas que se ocupan do seu coidado'. Finalmente, o obradoiro 'Interseccionalidade e equidade educativa', a cargo de Gaby Martínez (University of Groningen) busca desenvolver práctivas educativas que partan dunha perspectiva interseccional'.

Todas as actividades son de balde previa inscrición na web do proxecto. 

The contents of this page were updated on 02.08.2023.