A Universidade de Santiago de Compostela acolle a presentación dos resultados deste proxecto Erasmus + coordinado pola UAB

Os días 9 e 10 de febreiro, a Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, acolle o congreso final do proxecto Erasmus + “Brighter Future: Innovative tools for developing full potential after early adversity”. Organizado en colaboración coa asociación Manaia-Asociación Galega de Adopción e Acollemento, o seu obxectivo é presentar os resultados e materiais elaborados polo proxecto, así como debater e reflexionar sobre este tema con investigadoras internacionais, profesionais, familias e persoas que estiveron nalgún momento da súa infancia tuteladas polo Estado.
Os principais resultados do proxecto –que presentará a súa coordinadora, a profesora da Universitat Autònoma de Barcelona (UAB), Beatriz San Román– consisten nun módulo formativo para profesionais da educación, formado por varios materiais didácticos, e unha biblioteca en liña con información e recursos. Durante tres anos o equipo internacional do proxecto Brighter Future, coordinado pola Universitat Autònoma de Barcelona (UAB), traballou para identificar os desafíos que se expoñen na escolarización de nenos, nenas e adolescentes que sufriron diversas formas de adversidade temperá e que viven ou viviron baixo a tutela da administración.
O equipo do proxecto “Brigther Future” está formado por sete entidades e universidades de catro países: España, Italia, Holanda e Reino Unido e financiado pola Comisión Europea. Está integrado polas universidades Autònoma de Barcelona, de Verona (Italia) e Groningen (Holanda), ademais do Concello de Turín (Italia), CORA –a Coordinadora de Asociacións de Adopción e Acollemento (España)–, PAC UK/Family Action (Reino Unido) e Pharos Expertise Center on Health Disparities (Holanda).
Durante o congreso, celebraranse diferentes charlas e debates con persoas expertas da contorna europea que participaron na investigación. Abordarase como atender á mocidade queer na escola, explicaranse experiencias de persoas adoptadas internacionalmente, tuteladas ou menores sirias/os refuxiadas/os nas escolas de Países Baixos, entre outros moitos. Haberá unha mesa redonda onde se debaterá sobre as respostas do sistema educativo a nenos, nenas e adolescentes que viven baixo a tutela do Estado, xa sexa en familias de acollida ou en centros residenciais, e tamén daqueles que foron adoptados.
O programa completo do evento está dispoñible en liña e inclúe tres obradoiros de balde que se impartirán o venres día 10 de febreiro. 'Non sen nosoutras: como promover a participación de nenos nenas e adolescentes' , a cargo de Aida Urrea- Monclús (Universitat de Lleida), permite coñecer experiencias nas que a rapazada e a mocidade son axentes activos das súas propias vidas e pór en práctica algunhas estratexias participativas. 'A historia do neno ou nena na escola', con Federica de Cordova e Chiara Sità (Università de Verona), explorará estratexias e ferramentas para abordar como o contexto educativo pode prover o coidado persoal da rapazada, fomentar as relacións entre iguais e construír relacións significativas coas persoas que se ocupan do seu coidado'. Finalmente, o obradoiro 'Interseccionalidade e equidade educativa', a cargo de Gaby Martínez (University of Groningen) busca desenvolver práctivas educativas que partan dunha perspectiva interseccional'.
Todas as actividades son de balde previa inscrición na web do proxecto.