A USC, na posición 426 das mil mellores universidades do mundo segundo o World University Ranking

O World University Ranking (CWUR) mantén un ano máis a USC entre as principais universidades do mundo ao situala no posto 426 de entre preto de vinte mil universidades arredor do mundo na súa edición correspondente a 2018/2019. De ente as 38 universidades españolas incluídas nesta listaxe, a USC ascende a undécima posición.
Na súa elaboración, CWUR pondera “sete indicadores obxectivos e robustos”, como son calidade da educación (15%), empregabilidade de ex alumnado (5%), calidade docente (15%), produción científica (15%), publicacións de excelencia (15%), influencia (15%) e citacións (10%). Así, tómase en consideración o número de alumnado universitario e de docentes ou investigadores que teñen gañado algún premio ou recoñecemento internacional; o ex alumnado que ocupa posicións como CEO en compañías internacionais destacadas; o número artigos de investigación en xornais de alto impacto ou os máis citados, entre outras cuestións.
Á vista dos indicadores, o dato mellor valorado da USC é o de citacións, ademais do de produción científica e calidade das publicacións. CWUR preséntase como “o único ránking académico de universidades que avalía a calidade da educación, a empregabilidade do alumnado, o resultado da investigación ou a produción científica, sen depender de enquisas ou presentacións de datos por parte das institucións universitarias”. Dende 2014, o ránking expandiuse para incluír ás mellores 1000 das 18 mil universidades de todo o mundo, “polo que é a clasificación académica máis grande das universidades”.