Skip to main content

Un concerto e unha exposición conmemoran na USC o maio do 68

Un concerto e unha exposición conmemoran na USC o maio do 68
Un concerto e unha exposición conmemoran na USC o maio do 68

A Universidade de Santiago rememorará a vindeira semana a revolta estudantil do maio do 68 en París, da que agora se compren 50 anos e que supuxo un importante revulsivo cultural, como se poderá apreciar no concerto e a exposición previstos.

O martes 29 o violinista Florian Vlashi ofrecerá un concerto homenaxe no que interpretará obras de artistas como Cristobal Halffter, Helmut Lachenmann, Ianis Xenakis, Fernando Buide del Real e György Kurtag, actores moi activos naquel mes de maio. O recital, ás 20.30 horas no Paraninfo da Universidade e con entrada libre, leva por título 'Signs, Games and Messages’, o mesmo que un álbum de Gyurgy Kúrtag de 1931.

O intérprete, Florian Vlashi (Albania, 1963), estudou música e violín no seu país natal, onde acadou numerosos recoñecementos. É fillo do coñecido escritor e director teatral Gjergj Vlashi, que xogou un papel decisivo no seu futuro.

Dende 1992 forma parte da Orquestra Sinfónica de Galicia, e a súa actividade esténdese á pedagoxía, publicacións sobre a estética interpretativa e tarefas como conferenciante. En 1999 publicou o seu CD ‘Andrés Gaos – Integral para violín e piano’ e en xullo dese mesmo ano a televisión albanesa realizou o documental ‘Florian Vlashi, o violín albanés en España’.

É ademais creador e director artístico do festival de verán ‘Nenet e muzikes klasike – Durres’ e director do Grupo Instrumental Siglo XX integrado por solistas da Orquestra Sinfónica de Galicia.

Exposición ‘Crónica de maio’ Tamén coincidindo co 50 aniversario, a Igrexa da Universidade acubillará dende o mércores 30 a mostra ‘Crónica de maio. París 1968’, con 25 debuxos a tinta e 19 obras en acrílico de Jesús Díaz Ferrer ‘Jesús do Barco’. A inauguración será ese día ás 20.00 horas.

A exposición, unha produción do Concello do Barco de Valdeorras que se poderá visitar ata o 15 de xuño, recolle o vivido e sentido por Díaz Ferrer, testemuña deses acontecementos durante aqueles días de maio e xuño en París. Poderá visitarse de luns a venres de 17:00 a 20:30 horas.

The contents of this page were updated on 05.25.2018.