Estes galardóns recoñecen traballos académicos, Traballos Fin de Grao (TFG) e Traballos Fin de Mestrado (TFM) pertencentes ao curso 2021-2022

O acto de entrega dos Premios á Calidade Lingüística en lingua galega dos traballos académicos, dos Traballos Fin de Grao (TFG) e dos Traballos Fin de Mestrado (TFM) pertencentes ao curso 2021-2022 desenvolverase o mércores 1 de marzo a partir das 12.00 horas no Paraninfo da USC. O Servizo de Normalización Lingüística da USC organiza anualmente este certame que promove o uso da lingua galega ligado á calidade formal na elaboración e defensa dos traballos desenvolvidos polo alumnado da Universidade.
Presidido polo reitor Antonio López, o evento contará coas intervencións do Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, o vicerreitor de Transformación Dixital e Tecnolóxica, Gumersindo Feijoo Costa, e o director do Servizo de Normalización Lingüística, Manuel Núñez Singala.
A convocatoria establece premios en metálico e diploma acreditativo que se reparten por cada unha das grandes áreas de coñecemento e para cada unha das modalidades. Así, no caso dos traballos académicos outórganse cinco premios de 150 euros. Cinco son tamén os galardóns para os TFG, modalidade na que a cantidade de cada premio ascende ata os 300 euros. Finalmente, no caso dos TFM, os cinco galardóns están dotados de 500 euros cada un.
Traballos académicos
Na modalidade de traballos académicos, área de Arte e Humanidades, resultaron galardoados Análise lingüística de narracións orais da lenda da Virxe da Cela, de Brais Costas Fragueiro, do 3º curso do Grao en Lingua e Literatura Galegas; e Figuras femininas na literatura alemá da época medieval, de Pedro Rey de la Vega, do 2º curso do Grao en Lingua e Literatura Modernas.
En Ciencias distinguiuse Campañas electorais. Modelo de fluxo de votantes nun sistema de catro partidos, de Diego Martínez García, Yago Méndez Domínguez, Francisco Morales Vidal, Ángel Mourelle Abelenda, Lois Omil Pazos e Javier Polo Noche, do 4º curso do Grao en Matemáticas.
Entre a reinserción do delincuente e a reparación das vítimas. Os fins do proceso penal á luz da doutrina Parot e da prisión permanente revisable de Ainara Seoane Ares, Andrés Vázquez García e Manuel Vázquez Rodríguez, do 3º curso do Grao en Dereito; e Memoria do Prácticum II, de Xurxo Varela Otero, do 4º curso do Grao en Mestre de Educación Primaria, foron os traballos premiados en Ciencias Sociais e xurídicas.
TFG
O Traballo Fin de Grao premiado en Artes e Humanidades foi We shall overcome O movemento da acción civil a través da teoría da acción colectiva (1954-1968), de Aloia Insua González. Ademais os TFG A educación do modelo espartano na educación nazi, de Virginia Mosteiro Cagide; e O proceso de individualización do romance galego fronte ao latín vulgar galaico e aos romances veciños, de Rosalía Sambade Vázquez, recibiron mencións de honra.
O concepto de infinitesimal, un percorrido histórico, de Carlos Ben Arribí; e Optimización da expresión de proteínas en Pichia Pastoris (Komagataella Phaffi), de Alba Mato Búa, foron os traballos premiados en Ciencias. Ademais, outorgouse unha mención de honra a Materiais porosos baseados en tetrafenilmetano para a captura de contaminantes orgánicos, de Elena Pazos Linares.
En Ciencias da Saúde, distinguiuse Hidroxeles peptídicos sensíbeis ao pH, de Lucía Méndez Gómez. A comunicación coa persoa anciá: “idadismo” e “falaxeria”, de Luís Meilán Rodríguez recibiu mención de honra nesta categoría.
Pano na cabeza e paraugas na man: un estudo da representación mediática do suxeito labrego en catro loitas sociombientais galegas do tardofranquismo e a Transición, de Cecilia Doforno Nóvoa; e A poesía como recurso didáctico interdisciplinario entre Lingua galega e literatura, Educación física e Libre configuración, de Nicolás Luna Puente, foron os traballos recoñecidos en Ciencias Sociais e Xurídicas. Escola e comunidade: análise das redes de participación social no concello de San Sadurniño, de Irene Beceiro Calvo, recibiu unha mención de honra.
En Enxeñaría e Arquitectura, premiouse o traballo titulado Análise de técnica de aprendizaxe automática con secuencias xenéticas do microbioma humano para diagnóstico clínico, de Nuria González Fernández. Ademais concedéronse mencións a Ferramenta de clasificación da vexetación semiautomática a través de LiDAR, de Andrea Blanco Pérez; e Sistema de rastrexo para a obtención de datos de adestramento para a detección de desinformación online, de Víctor Xesús Barreiro Domínguez.
TFM
En Arte e Humanidades, premiouse os TFM Mobilización e cambio políticona comarca de Chantada (1973-1983), de Alejandro Varela Rubín; e Fiestras abertas na escola. Un achegamento ao papel do patrimonio en experiencias pedagóxicas galegas renovadoras, de Iria López López. Cambio de código e acomodación lingüística ante as cámaras de televisión: a gheada e o rotacismo. Unha achega ao cambio lingüístico no galego, de Xoán Carlos Gorís García, recibiu unha mención de honra.
Xestión de camas no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), de Mario Picáns Rey, foi o TFM premiado en Ciencias. Tamén houbo mencións para Caracterización e clasificación de diferentes mostras de lúpulo do Brasil, de Inés González Arnejo; e Sensibilidade na determinación da lonxitude de dispersión neutrón-neutrón nun novo experimento de ruptura de deuterón en GANIL, de Miguel Lozano González.
En Ciencias da Saúde, premiouse Da Covid-19 á condición post-Covid-19: disfunción cognitiva e impacto emocional tras hospitalización, de Lucía González Bouzas. Ferramentas de diagnóstico e modelización en cancro de ovario avanzado, de Andrea Estrella Arias Díaz, foi distinguido con mención de honra.
Aproximación á presenza da tradución literaria nos libros de texto da materia de Lingua Galega e Literatura, de Manuel Arca Castro; e A potencialidade da toponimia na aula: unha proposta de intervención educativa, de Andrea Santiso Arias, resultaron vencedores en Ciencias Sociais e Xurídicas. Unha mención de honra galardoou A expresión oral nos libros de texto de Lingua Galega e Literatura de 4º da ESO, de Nuria García García.
Finalmente, en Enxeñaría e Arquitectura, premiouse o TFM Recuperación de ácidos graxos de pasta de refino de aceite de xirasol mediante desdobramento, de Ricardo Pazos do Muíño. Modelo evolutivo de virus acoplado con dinámica da poboación hóspede, de Javier López Pedrares, recibiu mención de honra.